«Librouro é como o meu irmán. Nacemos xuntos»

Pedro Rodríguez Villar
Pedro Rodríguez VIGO / LA VOZ

VIGO

Oscar Vázquez

Xurxo Patiño naceu o mesmo ano ca libraría na que traballa coa súa irmá

21 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Xurxo Patiño naceu o mesmo ano que Librouro, a libraría que fundaron os seus pais na rúa Eduardo Iglesias no 1.967. «Podería dicir que é como o meu irmán. É que somos da mesma quinta», destaca. Daquela, cando empezaron, escoitaba historias de como os seus pais evitaban a censura franquista introducindo libros como Sempre en Galiza a través de familiares de Buenos Aires. Logo os levaban a unha oficina que tiñan medio agochada na libraría para distribuílos.

Crecer entre libros foi para Xurxo «unha marabilla». Tiña a súa disposición unha cantidade de historias e coñecemento infinito que, ademais, tamén se ía renovando. Cando se fixo maior traballou na administración, pero seguía colaborando coa libraría. Ao final, Xurxo volveu a casa. Dende xa hai uns anos está ao cargo de Librouro xunto a súa irmá Nuncha Patiño. «É un traballo moi bonito e romántico, pero tamén moi difícil. Aguantar é unha tarefa de resistencia», indica. O peor «a gran carga burocrática».

Unha vida enteira na libraría tamén lle permitiu ver como cambiou o sector. «O oficio cambiou moito. Sobre todo pola informatización. Agora hai que estar atentos a moitas cousas, pero «seguimos estando esquecidos polas administracións». Xurxo considera que os poderes públicos non se preocupan polas pequenas librarías e que, «aínda por riba», non lles deixan de poñer trabas. Lembra cando liberalizaron o prezo dos libros de texto. A lei protexe aos libros cun prezo único, pero non aos de texto. Isto provocou que as grandes empresas se uniran ao negocio, o que levou ao peche a moitas librarías. O mesmo está a pasar co libro dixital. Ademais, como tantos outros compañeiros do sector, incide na importancia de apostar por actividades de promoción á lectura. Concretamente, en Vigo temos «moito que envidiar A Coruña en canto a súa rede de bibliotecas. Aquí aínda falta moito por facer».

Polo de agora, Xurxo seguirá loitando por Librouro e o seu soño é que «aguante polo menos ata que eu me xubile».