Colexios de Galicia e Portugal compartirán actividades

l.c.ll. VIGO / LA VOZ

VIGO

cedida

A Xunta promove competencias bilingües e interculturais con docentes e alumnos

25 ene 2024 . Actualizado a las 00:52 h.

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, reuniuse onte con representantes dos seis centros educativos que participan no novo programa Escolas de Fronteira, a través do que a Xunta promove as competencias bilingües e interculturais entre colexios, docentes e alumnos de Galicia e Portugal.

Neste primeiro curso participan na iniciativa un total de seis centros que xa implementaron nos pasados cursos accións con outros do norte luso. Trátase do CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón (Salvaterra de Miño), o CEIP Plurilingüe número 1 de Tui, o CEIP Rosalía de Castro (Xinzo de Limia), o CEIP Carlos Casar (Xinzo de Limia), o CEIP Princesa de España (Verín) e o CEIP Plurilingüe Amaro Refojo (Verín).

A representante da Consellería de Cultura e Educación felicitounos pola súa disposición a formar parte desta iniciativa piloto e polo seu interese por texer redes educativas e culturais cos centros do país veciño. Asimesmo, interesouse polos proxectos desenvolvidos en anos anteriores.

Escolas de Fronteira busca promover actividades culturais e pedagóxicas, así como a promoción da identidade común dos pobos galego e portugués dentro dunha perspectiva xeral de integración europea e do mundo lusófono. Para iso, levaranse a cabo actividades interdisciplinarias que engloben as realidades de ámbolos dous países e, en particular, o territorio fronteirizo no que se atopan as escolas que ás veces só están separadas por uns centos de metros cruzando unha ponte. Cada centro participante realizará un proxecto en conxunto co seu centro espello portugués e promoverase a creación e intercambio de recursos pedagóxicos.

Tamén se impulsará a formación do profesorado. De feito, os docentes encargados da iniciativa en cada colexio participante realizarán unha formación específica sobre metodoloxía de proxectos multiculturais.

A iniciativa enmárcase dentro do programa Escolas Bilingües Interculturais de Fronteira, un proxecto de cooperación entre os gobernos de Portugal, España e as comunidades autónomas e no que tamén colabora a Organización de Estados Iberoamericanos como socio estratéxico. Conta coa participación da Universidade de Aveiro, da Universidad Complutense de Madrid e de centros de formación de profesorado das diferentes comunidades autónomas. En Extremadura, por exemplo, está moi asentada a cooperación e o idioma portugués é xa unha segunda lingua en moitos centros da comunidade.