Manuel Portas, exdirector do IES Xelmírez I: «Descontáronme unha parte da primeira nómina por deixar ir aos alumnos a unha charla sobre o aborto»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Manuel Portas, exdirector do IES Xelmírez I
Manuel Portas, exdirector do IES Xelmírez I XOAN A. SOLER

Recibirá o venres unha homenaxe por 40 anos de dedicación á sociedade

21 abr 2024 . Actualizado a las 09:49 h.

Manuel Portas (Barcelona, 1960) chegou con 17 anos a Santiago para estudar e xa sempre permaneceu ligado á cidade, cun papel destacado no eido educativo como director do IES Xelmírez 1, pero tamén deixando pegada na etapa que exerceu de concelleiro. Por ese legado, o venres recibirá ás 18.30 horas unha homenaxe no salón de actos do instituto. Seguiralle unha cea no Hotel Palacio del Carmen para a que a inscrición está aberta ata mañá.

—Que supón esta homenaxe «pola súa dedicación durante máis de catro décadas á sociedade e á educación pública e pola súa contribución á normalización lingüística?

—Case nada din (ri). Si que foron máis de 40 anos dedicados á lingua e ao ensino, e á sociedade no seu conxunto desde a política municipal. Para min non deixa de ser todo un pouco mesmo, que é o servizo público.

—Das tres razóns que citan, cal é da que se sente máis satisfeito?

—Está claro que foi o ensino. Foi ao que lle dediquei a maior parte do tempo e, en concreto, ao ensino medio e, especialmente, no Xelmírez I. Tamén hai dúas cousas simbolicamente importantes. Por unha parte, que o Concello de Santiago foi o primeiro en aprobar un plan de normalización lingüística. O feito de facelo participado contando con todo o mundo fixo que empezara a dar os seus froitos moi rápido. Chegamos a un acordo con Política Lingüística da Xunta. Despois, souben que ao responsable naquel momento lle berraran por chegar a un convenio co Bloque. Relacionado con iso, está a maneira de entender a acción política: o máis importante é a participación. Contar coa sociedade para levar adiante as liñas políticas de intervención. Non se trata de ceder a iniciativa, senón de traballar con, colaborar. Iso deu os froitos. Foi unha etapa de ouro do movemento asociativo e diso tamén me sinto moi satisfeito.

—Como lembra os inicios no instituto?

—Empecei no 82. Saíra da Facultade e directamente entrei a traballar no Xelmírez en San Caetano nunhas aulas nas que tiñas que ir con abrigo e bufanda e, despois, cambiabas para outras, e tiñas que quitar toda a roupa. Era un edificio en situación lamentable. Recordo o primeiro claustro ao que fun, impresionaba xa que tiñas grandes figuras dando clase alí. Cando cobrei a miña primeira nómina xa me descontaron unha parte dos ingresos como sanción por deixar ir aos alumnos a unha charla sobre o aborto. Comecei ben! (ri). Entón, pensei que había moitas cousas que cambiar xa que non se lle pode limitar aos alumnos a información. Tamén vivín o traslado para o campus. Lembro unha discusión con Vázquez Portomeñe, entón conselleiro de Educación. Nós diciámoslle que en San Caetano tiñamos un ximnasio, un salón de actos.., e que queriamos ter na nova sede esas instalacións. A resposta foi: «Por cen millóns [pesetas], non imos discutir» (ri). Foi unha etapa de convulsión no propio centro e foi cando un montón de compañeiros miraron para o «pipiolo» —eu era o máis novo— e dixeron: «Que sexa el o director». Non sabía onde me metía, tiña 27-28 anos, pero foi un pracer porque a principal labor dunha dirección é crear un ambiente agradable de traballo e favorecer a innovación educativa, apoiar a iniciativa do profesorado. A educación é innovación por principio, ten que estar constantemente transformándose. É mentira que a educación en tempos pasados foi mellor; o que ten mudado desde que eu cheguei naqueles albores a San Caetano foi moito.

—Entón, mellorou moito?

—Ten mellorado de maneira infinita. Mellorou na docencia, na formación do profesorado e nas relacións e democratización na vida dos propios centros. Iso non quere dicir que sexa fácil, porque nun edificio pequeno conviven mil persoas e hai roces, como en calquera outro lugar da sociedade. Aí é cando ten que entrar a dirección para facer que eses roces sexan os mínimos e que non imidan ese ambiente distentido, agradable, para poder desenvolver o traballo educativo.

—Fala de innovación, e vostedes foron pioneiros tamén unha experiencia pedagóxica introducindo as teorías docentes punteiras no 80-90.

—Empezamos en marcha ao redor do profesor Xosé Calviño un ensino vencellado á realidade, menos teórico, máis práctico, con traballo de campo... Íase a un entorno rural e a un hiperurbano, chámese París, Roma, Lisboa, Os Ancares ou O Caurel. Os chavales deixaron de ter un ensino exclusivamente teórico e pasaron a un traballo de carácter práctico, de analizar a realidade. Foi unha experiencia magnífica e foi documento base da reforma educativa daquel tempo. Foi un traballo duro, pero estabas aprendendo a vez ca eles.

—Foron uns adiantados.

—Si, foi por mérito deste profesor.

—Cales son os retos que ten agora a educación?

—O gran reto da educación é a innovación permanente e a adaptación constantemente á realidade. Por iso, coas novas tecnoloxías o que hai que aprender é a usalas. A educación ten que ir cos tempos, e iso non significa esquecerse do latín ou do grego e que todo sexa informática e novas tecnoloxías. Os rapaces teñen que aprender a gozar da literatura. Non temos que competir co mundo da imaxe, o que teremos é que explicar o que hai no mundo da literatura, que aprendan a distinguir bo e mal cine...

—Como afecta o mundo das tecnoloxías ao ensino?

—O que non lle podemos é poñer cancelas o campo. É moi importante saber integrar e valorar ata onde debe chegar o aporte das novas tecnoloxías na vida. Pero o abuso delas trae consigo a falta de contacto humano directo. No último ano, antes das medidas da Xunta, decidimos no centro ser espazo libre de móbiles, e os rapaces volveron a falar entre eles. Iso é fundamental. Iso non é negar as novas tecnoloxías. Ademais, iso non depeden só do mundo do ensino. Ten que haber un gran pacto social sobre a utilización de determinadas tecnoloxías e as familias teñen moito que aportar. É fundamental que se impliquen para educar na utilización razonable. Eu atopaba rapaces que ían á zona do instituto onde había cobertura e estaban sentados uns fronte a outros chateando entre si en vez de falando. A comunicación ten que recuperar sistemas naturais de contacto. Non se trata de negarse a que eles teñan os seus Instagram, as súas páxinas nas redes sociais, senón que se trata de facer razoable esa utilización. Hai  rapaces e rapazas que se deitan co móbil e que están un montón de horas enganchados, trae consigo problemas. E despois está o traslado do que é o acoso ao ciberacoso, que é máis brutal porque a utilización da palabra é máis agresiva que na comunicaicón oral.

«Boto de menos á rapazada, encólleseme un pouco o corazón ao entrar no instituto»

Portas xubilouse ao rematar o pasado curso, pero non tivo tempo para aburrirse. Á participación en xornadas e clubs de lectura para o que o chaman, únelle a escritura, a lectura e «moita horta», outra das súa paixóns.

Entende que estas homenaxes, tanto as que o despediron cando pechou a súa etapa política como a de agora, teñen que ver con esa forma de traballar participativa, con ese diálogo...

—Non sei. Dirixir non é estar nun pedestal e dedicarse con dedo ditador a indicar o que se fai. O diálogo na sociedade ten que ser permanente para que as cousas funcionen. A convivencia ten que partir sempre do diálogo e da participación. Dirixir é conseguir xuntar esforzos que tiren para o mesmo lado, senón é imposible.

—Leva preto dun ano lonxe da docencia, en que se centrou? Escribe máis?

—Antes a escrita era para min o balón de osíxeno no que me metía e axudábame a desestrarme. En toda a miña vida non recordo un día que non lese, era a miña desconexión. Aos 50 dixen: «Por que non o intentas?» É un pracer. Sigo escribindo e pouco a pouco, sen présas, irei publicando algunha que outra cousa máis.

—Seguirá na novela negra como no seu último libro?

—Non, vou traballar unha etapa histórica, que é Santiago en mediados do século XIX.

—Entón, non tivo tempo para botar de menos á rapazada ou si?

—Si que os boto de menos, e sei que me botan de menos. Encólleseme un pouco o corazón ao entrar no instituto porque son moitos anos e acábaslle collendo cariño á institución, case a humanizas e a personalizas.

«É fundamental un gran pacto polo idioma, hai que sumar forzas»

Manuel Portas tivo un papel destacado no impulso da lingua galega e durante dous mandatos formou parte do goberno municipal como concelleiro do BNG.

—Impulsou a creación do Consello Municipal de Relacións Veciñais, traballou co deporte, a normalización..., e cando deixara a política tamén lle fixeran unha homenaxe tanto os colectivos veciñais coma os deportivos.

—Iso queda no corasonsito. Eu tiña o cariño do movemento co que estaba en contacto nas áreas de normalización, de participación social... Tamén levei sanidade e deporte. Coas entidades deportivas, ordenamos o uso dos espazos deportivos, que era un problema porque Santiago sempre terá déficit de instalacións. Foi doloroso pasar de herba natural a sintética en Santa Isabel, pero fixo que pasaramos de tres usos á semana a todos os días. Puxemos en marcha a Fundación Compostela Deporte, que despois se deixou e foi unha pena.

—Quedoulle algunha espiña cravada nese adeus á política?

—Non, un ten que seguir traballando con toda a honestidade nos ámbitos onde te leva a vida. Eu volvín ao instituto e volvemos traballar coma sempre. Un o que ten é que aceptar as etapas da vida, non con resignación, senón con espírito construtivo. Non se pode vivir das lembranzas, nin do pasado, nin das diferenzas que se puideran ter producido nunha etapa determinada da túa vida con outra xente.

—Participou na fundación da Mesa de Normalización Lingüística.

—É fundamental un gran pacto polo idioma. Segue sendo hoxe en día prioritario poñernos de acordo no mínimo común múltiplo, e eu diría no mínimo común multiplicador. É necesario ese gran pacto polo idioma, unha revisión da propia lei e do plan normalización. Necesitamos sumar esforzos e conseguir que os sectores máis castigados polos procesos de castelanización teñan ámbitos de expresión en galego con normalidade, non como excepción. Non se trata de negar o dominio doutros idiomas, porque as sociedades cantas máis linguas dominen, mellor; pero entre nós, que se fale e se escriba en galego. Non é negar que se domine o castelán, o francés, o inglés... Un dos grandes logros no noso instituto é que houbese o ensino de moitas linguas: alemán, inglés, francés, portugués... E iso debería ser norma en todos.

—Por onde hai que empezar para darlle novo pulo ao galego?

—É moi importante un gran acordo lingüístico, que é a base para avanzar, e a actuar sobre a xente máis nova.