Xosé Antón Pedreira: «O libreiro ten que ser vocacional e amar a cultura por riba de todo»

manolo fraga SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

Afirma que, polo de agora, non ten relevo familiar, pero non o desbota

22 abr 2024 . Actualizado a las 19:45 h.

É un libreiro vocacional e un activista cultural de sempre. «Foi o único traballo que tiven na vida», sinala Xosé Antón Pedreira Mirás (Ordes, 1956); que, tras casar con Chus Costoya e facer o servizo militar (hoxe desaparecido), abriu a libraría na Rúa do Home Santo. «Empecei con prensa, papelería e libros, pero agora todo o espazo, uns 120 metros cadrados, son para libros. Haberá entre vinte e trinta mil volumes. En principio non teño sucesión, pero aínda está por ver. De momento doume cinco anos de prazo», explica Pedreira, que leva corenta e dous anos á fronte do establecemento. «O libreiro de hoxe ten que ser vocacional e amar a cultura por riba de todo», afirma.

Mañá, 23 de abril, celébrase o Día do Libro, unha data que se nota nas vendas, afirma o libreiro, pero lamenta que xa non saian á rúa. «Antes, este Día e polas Letras Galegas poñiámonos media ducia de librarías na Praza do Toural. É algo que boto moito de menos, porque é unha forma de acercarse ao público. O Concello podía estimular esta actividade. Para min é primordial o contacto co lector, como axente cultural que son. Vivo demasiado este oficio, son un xubilado activo», sinala con entusiasmo mentres tomamos un café no Casino. «O que se fai desde este establecemento histórico é unha bendición e un reclamo para moita xente. Compostela non lle agradecerá nunca bastante a Ubaldo (Rueda) e Maribel (Martín)», suliña en referencia aos incansables dinamizadores de premios e lecturas, agora desde a Asociación Cultural Casino de Santiago e antes desde o IES Rosalía de Castro. «Malia todo, a sociedade santiaguesa debía volcarse máis con estes premios», advirte en relación á convocatoria de novela europea, que este ano cumpre dezasete edicións.

«O asociacionismo sempre foi a miña inquedanza, xa desde que estudaba no instituto masculino, que estaba en San Caetano. Aquí empecei a ir pola asociación cultural O Galo. En Ordes fundei, con Lola Ferreiro, a primeira asociación de veciños e a asociación cultural O Terruño. Falar coa xente, xuntarse e facer actividades dáche moita forza para ir ás institucións na defensa do colectivo», relata Pedreira, que foi vinte anos presidente da Agrupación de Libreiros de Santiago e oito da Federación de Librarías de Galicia; e, actualmente, é vicepresidente de Comercio Punto Compostela. «Estou moi contento polo traballo que fixen, malia que che obriga a abandonar un pouco a túa tenda e, ás veces, é un labor ingrato. Entre outras cousas, logramos a permanencia da feira do libro, cando só eramos oito casetas e estivo a piques de desaparecer pola crise económica; ou cando conseguimos unha carpa para a chuvia a través de Brea Hervés; ou manter o prezo fixo dos libros, logo de negociar coa Xunta», rememora. A nova edición da Feira do Libro de Santiago celébrase na Alameda desde o vindeiro sábado, 27 de abril, ata o 5 de maio, cuxo pregón farao a poeta afincada na cidade Lupe Gómez.

A narrativa é o xénero literario por excelencia na Libraría Pedreira, así que non escapa á tendencia xeral; pero sinala que a poesía e o teatro tamén empezan a moverse. No seu establecemento son agora súpervendas as autoras galegas Rosa Aneiros, Olga Novo e Paula Carballeira, así como Antón Riveiro. Os textos de cabeceira do libreiro son Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas, e Sempre en Galiza, de Castelao. «Tamén son afeccionado aos libros sobre memoria histórica, e a novela negra tamén me gusta. Procuro ler polas noites e durante as feiras de Galicia no tempo de descanso», indica. O caso é ler porque, segundo o último barómetro, quince millóns de españois non le un libro xamais. Unha mágoa!