«OU ké!» e «Recuncho Gamer» impóñense nos Premios Youtubeiras

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

O concurso que recoñece a creación de contidos en galego en YouTube entregou no Teatro Principal oito galardóns entre as dezaoito canles finalistas

19 feb 2024 . Actualizado a las 11:41 h.

O certame Youtubeiras entregou onte en Santiago os seus oito premios por crear contidos en galego para YouTube entre os dezaoito finalistas dunha edición na que participaron 68 propostas. A gala, que se celebrou no Teatro Principal, estivo conducida por Nuria Vil e Gabri Fuentes e contou coa actuación musical de Mondra.

O proxecto ourensán «OU ké!» acadou o premio na categoría Canle pola «súa profesionalidade, a súa calidade técnica e o seu coidado na estética», así como pola súa pluralidade de voces. O galardón Youtubeira foi para «Recuncho Gamer», que analiza videoxogos. Neste caso, o xurado salientou a súa ampla actividade en todas as redes, a súa orixinalidade e a vontade de «incorporar referentes doutros ámbitos no mundo dos videoxogos para darlle maior visibilidade».

Pola súa banda, «O faiado Podcast» alzouse como Youtubeira Revelación en recoñecemento a súa capacidade para «xerar espazo para a cultura pop en galego» e chegar ás xeracións máis novas. O premio Vídeo distinguiu a peza «Unha fin de semana en Londres», da canle Todomalva GZ, polo seu poder para «transmitir tanta intimidade nun vídeo». Na categoría de Calidade Lingüística impúxose «Olaxonmario». O xurado salientou a súa capacidade de difusión e a conexión coa lusofonía. Tamén incidiu no coidado da lingua e a conservación dos trazos dialectais.

«FicaCoabola» foi o gañador do premio Pioneiro. O xurado gabou a «entrega e dedicación» desta canle para xerar contidos e comunidade ao redor da actualidade deportiva. O galardón Rede recaeu en YouTube en Galego, unha canle «feita para dar a coñecer e fortalecer as relacións entre persoas creadoras». O palmarés completouno o premio de Público, que foi para Savia Nova. O xurado tamén ratificou o vídeo máis votado proposto polo público, «De Galicia a Namibia estudando guepardos» incidindo na calidade técnica e a orixinalidade do tema tratado.

Cada un dos premios Youtubeiras está dotado con 1.000 euros, agás o do público, que conta con 500 euros. Este certame está organizado polos servizos de normalización lingüística de nove concellos, das tres unidades galegas e da Deputación da Coruña. Na gala interviron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a deputada de Lingua da Deputación, Soledad Agra; e a coordinadora de Youtubeiras, Carme Pereiro. Á gala tamén asistiron representantes das outras institucións que conforman a organización.