O oficio de Cervantes

OPINIÓN

Ballesteros | EFE

07 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei como me caería Cervantes, se o chegase a coñecer, pero Luis Mateo Díez, con quen estiven dúas veces, confirmouse, xunto ao seu talento literario, a certeza dunha persoa discreta e educada, que non condiciona a escrita aos éxitos e ás vendas. Amante da rutina, durante moitos anos compatibilizou, coma moitos de nós, o traballo de funcionario co de escritor. E fíxoo sempre sen erguer a voz nin queixarse coma moitos que se inmolan publicamente por non ter éxito e non poder vivir só da literatura. Alguén dicía que temos dereito a nos queixar coma seres humanos, pero nunca coma autores.

Vén isto a conto porque o outro día convidáronme a falar na Asociación de Empresarios Boirenses sobre o meu oficio, canda outras persoas que tamén viven na vila e traballan dentro do sector cultural, sempre asociado á precariedade e á falta de profesionalización, pero que tamén xera riqueza, e non só económica. Falei da miña experiencia e da realidade de que a literatura, aínda que axuda, non dá para vivir e, por iso, son poucas as persoas que poden vivir exclusivamente dela, nin tan sequera o último premio Cervantes. Termos outro oficio tamén é unha rede que nos permite escribir con máis liberdade e dirixir a nosa ambición literaria cara a outros terreos que non son ponderables cun valor económico. A desgraza (ou a sorte) é que a escrita non está tan apegada ao económico como á calidade, e vender máis libros non leva aparellado o prestixio. Non hai moito, alguén con certa soberbia preguntoume se para min a escrita era un pasatempo e eu respondinlle que a escrita era a miña verdadeira profesión; o meu pasatempo, en realidade, era ser funcionario, como Luis Mateo Díez. E aí morreu o conto, porque non volveu preguntar máis nada.