Coellos

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Radovan Stoklasa | REUTERS

01 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días escoitei unha historia que me pareceu sorprendente, pero seica que é real e que ten que ver coa sensibilidade estrema dos coellos. Seica nas granxas teñen comprobado como, cando os coellos se asustan, morren. Que estalan os fogos que anuncian o comezo da festa, morren. Que alguén entra onde están e pega un berro atroz, van un grupiño deles e morren. Seica hai granxas onde lles teñen posta unha música constante e repetitiva, para que vivan nunha especie de burbulla sonora continua para que, se hai algunha clase de estrondo que veña do exterior, non lles dea un jamacuco e morran por ducias.

O coello, seica, é un animal moi sensible.

A historia, cando ma contaron, axiña me fixo pensar en termos alegóricos. Ou de fábula, se queren. E na historia, na alegoría, na fábula, nós seriamos os coellos, animais sensibles que, á mínima, infartamos polo susto. A non ser, claro, que nos poñan unha banda sonora continua que nos apacigüe a nosa epiderme de lebres asustadas.

Digo isto polos tambores de guerra que nos rodean. Sen pudor, en Wall Street as accións das empresas que fabrican armas soben como a escuma e alcanzan prezos históricos. Se ten vostede cartos, corra a investir nesta clase de empresas porque agora as accións están á alza, Os lobos de Wall Street, por dicilo coma Scorsese, están famentos e saben que todo o mundo, en especial Europa, onde hai máis coellos, están polo labor de mercar armas e armas. Díxoo o outro día a ministra de Defensa de España, Margarita Robles: hai que facer medrar o orzamento español para mercar armas. Dixo, de feito, unha frase que podería figurar no 1984 de George Orwell: «Invertir en armas es invertir en la paz». Sánchez insiste no mesmo: temos que cumprir cos obxectivos da OTAN. Como se a OTAN non estivese ao servizo dos grandes lobis da industria armamentística. E ata Mónica García, de Sumar, que debería estar pedindo máis cartos para Sanidade, que é a súa carteira ministerial, secunda esta mensaxe do medo: hai que revisar e facer medrar o que gastamos en armas.

Somos coellos. Pero coellos ilustrados. Coellos que, de cando en vez, collemos un libro e analizamos a historia, que se repite, sobre todo nas súas versións máis parvas. E a historia o que di é que, dende que existe o ser humano, todas as guerras se fixeron sempre por motivos económicos. Podemos disfrazalas de patriotismo barateiro ou, como sempre se fixo e nalgúns lugares aínda se estila, de paixón relixiosa. Pero sempre hai alguén lucrándose. Sempre hai alguén facendo caixa. Sempre hai alguén feliz de que os coellos se maten entre eles.

Por iso é importante asustalos, que treman de medo. Se conseguimos crear ese clima de pavor prebélico, será doado, despois, sacrificalos.

É o que pasa cando te cres coello.