Entre arquitecturas

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Arquitectura sostible en Outes
Arquitectura sostible en Outes Xerardo Estévez

07 abr 2024 . Actualizado a las 12:21 h.

A arquitectura, a diferenza da literatura ou a música, está sempre exposta á vista de todos, convivimos con ela. É un oficio que traballa para o porvir, para moradores e usuarios de hoxe e de mañá. Tanto é así que proxectar un edificio é interferir no futuro. A arquitectura é a arte de «construír para a vida», implántase no espazo físico cunha visión culta, impregnándose do sol e do medio que a rodea. Aínda que a calidade da beleza non se lle recoñeza no momento de retirar estadas, vaina adquirindo a medida que a opinión da xente e a crítica a interpretan. Envellece paseniñamente, por veces mimetízase e mesmo pode pasar inadvertida, por oposición á arquitectura espectacular, que causa impacto inmediato, pero que pronto se pode volver aburrida e mesmo efémera.

 

A arquitectura de calidade ten que estar ben construída e ben razoada. O autor traballa con todas as escalas e proxecta simultaneamente unha mirada incisiva, macro, que combina forma, materiais e construción, e outra mirada transversal que relaciona a obra co que acontece no contorno. Este bo facer irradia e difunde unha especie de contaxio positivo, tan necesario para a percepción estética do común. Ademais, ten que ser sostible, non comprometer o futuro e saber «domesticar» as tecnoloxías, sexan paneis solares ou instalacións bioclimáticas.

Se todo o que se edifica fose premiable e houbese que pararse a cada paso para admiralo, a vida nas cidades resultaría insoportable. Hai unha arquitectura doméstica que non exhibe os seus méritos, que só ás veces fai volver o rostro ao pasar, pero é a que lle dá sentido ás rúas e ás prazas. Unha arquitectura que constrúe correctamente o espazo urbano, sen levantar sorpresas. En Compostela, un dilema político arrástrase polas sucesivas corporacións: derrubar ou non a Casa da Xuventude, de Severino González, unha obra que melloraría considerablemente cunha man de pintura, á espera da decisión que se tome sobre a mobilidade na rolda histórica.

A arquitectura monumental, en cambio, leva consigo un afán de transcendencia e adoita soportar mal a crítica porque prevalece a admiración. Prefiro falar da praxe arquitectónica que «patrimonializa» os edificios e o seu uso, obrigándonos a ser corresponsables do seu futuro. No fondo, a arquitectura sempre está en tránsito polos tempos, sen importar os epítetos que lle poñamos: clásica, contemporánea, moderna ou de vangarda.