A etiqueta terrorista

OPINIÓN

Andreu Dalmau

07 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

As leis son frías coma o mármore e a interpretación delas ás veces ofrece abanos de posibilidades que poden chegar a lugares impredicibles, mesmo cunha perspectiva fundamentada. Esa é a percepción que teño con respecto á presunta implicación en actividades terroristas de Carles Puigdemont, tal como estes días suxeriu a acusación do Tribunal Supremo no contexto do caso Tsunami Democràtic. Por moito liderado que el tivese sobre esta plataforma e as protestas masivas do 2019, a carga xurídica que leva aparellada o delito de terrorismo paréceme un exceso. Atribuír esa cualificación a alguén que participa nunha manifestación, aínda que nela haxa disturbios, podería sentar un precedente ben perigoso para a defensa dos dereitos civís. Non ter en conta tamén o contexto social e político no que se desenvolveron esas protestas supón aceptar esa estrita legalidade que desbota calquera tipo de consideración ética ou pragmática. Está claro que meter a Puigdemont ou a Tsunami Democràtic na mesma saca do terrorismo xihadista ou da ETA fai albiscar un horizonte ideolóxico ou un desexo de vinganza. Así o vexo eu, sobre todo estes días que veñen de se cumprir 20 anos da morte de Ana, un nosa amiga madrileña que perdeu a vida nos atentados de Atocha, cando estaba a piques de coller o tren para ir ao cole onde a agardaba o seu alumnado. Datas coma esta sinalan o almanaque das perdas, como tamén aconteceu en tantos outros atentados que lles apañaron a vida a miles de persoas e que en nada se parecen ás manifestacións do 2019 en Cataluña, unhas pacíficas e outras con certos excesos; que si, poden ser reprobables e levadas a xuízo, mais nunca coa etiqueta fría e brutal do terrorismo.