Golpe de Estado e ditadura

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR

OPINIÓN

Jesús Hellín | EUROPAPRESS

17 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende 2017, cando a convocatoria daquel referendo en Cataluña, escóitase en España, nas tribunas de oradores e nos faladoiros dos medios de comunicación, con absoluta lixeireza, a expresión «golpe de Estado» referida a case calquera cousa, ou «ditadura», sobre o mesmo. Durante o debate de investidura de Sánchez, e nas semanas previas, a medida en que ía facéndose claro que o candidato do PSOE ia ser quen de armar unha maioría, foise dicindo, minuto a minuto, que o da amnistía era un golpe de Estado (a ver como vai ser un golpe de Estado unha lei que aprobará a maioría do Congreso dos Deputados, onde está representado o conxunto do Estado), como antes que a reforma do delito de sedición era un golpe de Estado (reforma que, coma todas as demais iniciativas lexislativas, ten que ser validada polos órganos xudiciais do Estado), ou que pactar cos independentistas é tamén un golpe de Estado (como se non estivesen no Congreso votados lexitimamente nunha votación democrática libre). E isto que dicimos vale tamén para o uso da palabra «ditadura». Que Sánchez pacta cos independentistas e monta unha maioría que lle permite gobernar, ditadura. Que a policía reprime manifestacións ilegais non autorizadas fronte á sede dun partido, ditadura. Que o presidente negocia con determinados grupos políticos, ditadura.

As palabras son moi importantes. E é crucial non baleiralas do seu significado real para meterlles a calzador outro diferente a gusto da ideoloxía propia. Ao igual que o antónimo de «liberdade» non é «comunismo», como nos quixo facer crer Ayuso, un golpe de Estado non é que se consiga unha maioría que non me guste, nin un golpe de Estado é mudar lexitimamente as leis que a cidadanía, a través dos seus políticos, decida cambiar. Como non é vivir nunha ditadura ter que aturar un goberno que a min non me gusta porque foi resultado duns pactos que non me agradan.

Sexamos, pois, serios. Nun golpe de Estado hai tiros, hai violencia, tanques na rúa, detencións, morte, desaparicións. Nunha ditadura non se pode disentir, non se pode opinar contra o goberno nin moito menos expresalo dende unha tribuna. Nunha ditadura, se estás en contra de quen detenta o poder, mátante.

En España non se perpetrou, dende 1981, un golpe de Estado. E hai democracia dende 1978.

Soster o contrario é mentir. E ademais, con mala fe. Respectemos as palabras. Son o que son. Aínda que a tantos non lles guste.