Cesga: Cumio e Quemio

Xavier Alcalá
Xavier alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

CESGA | EUROPAPRESS

17 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O pobo di «quen queira peixes que molle o cu», o cal pode aplicarse ao ordenador cuántico a funcionar xa no Cesga. Na comunidade das TIC en Galicia (e alén fronteiras) aínda resoan comentarios sobre o xeito de gastar 14 millóns de euros nun aparello cuxa eficiencia non é probada. Fanse contas e previsións e os ollos diríxense á sabedoría (suma de coñecemento e experiencia) do supercomputador de Barcelona, que optou por renovar o sistema coa consolidada física do silicio. Se a súa máquina Mare Nostrum de cuarta xeración multiplicaba por 10 a potencia da Finis Terrae do Cesga, a da quinta vaino facer por 45. Ora, os cartos xa se puxeron na aposta por unha nova técnica de calcular a velocidades inmensas e cómpre aplaudir a valentía de quen se lanza a comprobar a súa utilidade. Na conquista do oeste, os ianquis dicían que aos pioneiros sempre os mataban os indios; mais seica non deron matado todos porque, daquela, non existiría o país onde apostou con máis acerto polos avances tecnolóxicos. Benvido o «Qmio», que nace con eiva lingüística: en galego-portugués o «Q» chámase «que», non «cu». Para quen pense no romance ibérico occidental «Qmio» non é «Cumio» senón «Quemio». Outramente, para quen pense no romance central valería «Qmbre», a ler como «Cumbre». ¿En que idioma pensa o Cesga?