Froilán e o Barrio Vermello

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

FUCO REI

14 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando visitei Amsterdam puiden ver o Barrio Vermello. Non fun, obviamente, pero o tren para exactamente sobre el. Estaba lendo un libro e mirei pola fiestra. Alí estaban: expostas en escaparates, as mulleres prostituídas (non existen as prostitutas, dise «mulleres prostituídas») en roupa interior, poñendo posturiñas para uns babosos homes, bastante novos, que as contemplaban, rían e facían comentarios. Foi sen dúbida unha das imaxes máis noxentas que mirei na vida. E quen me daba noxo non eran as rapazas obrigadas a facer iso para sobrevivir. Os que me daban noxo eran eles. Era doado saber como seguiría a escena: vista a mercadoría decidirían que rapaza mercar, entrarían no local e violaríana pagando. Porque mercar prostitución é iso: violar pagando. Non hai «traballadoras sexuais». Hai escravas sexuais. Punto.

O recordo daquela escena en Amsterdam volve ao me atopar a nova de que Froilán (non precisa apelidos nin adobío ningún para sabermos quen é) celebrou o seus 25 anos no Barrio Vermello da cidade holandesa. É dicir, escolleu o barrio da prostitución e das drogas. Como acompañantes, os amigos (todos homes) da universidade (si, chegou á universidade —privada, nos Estados Unidos— logo de tripitir 2º da ESO). Antes pasara por Marbella. Logo, por Ibiza. Vamos, como calquera rapaz español do seu tempo…

Tan como calquera rapaz español do seu tempo como demostra o feito, terrible, de que o hábito de consumir prostitución (non digo que Froilán fixese tal cousa, só digo que foi celebrar o seu aniversario alí) cada vez está máis instaurado entre a mocidade española. Algo que semellaba pertencente a outras xeracións (iniciarse no consumo carnal con mulleres prostituídas) volve ser costume, segundo indican algúns estudos, entre rapaces cada vez máis novos que prefiren recorrir a escravas sexuais antes de ter que pasar polo limpo e feliz xogo da sedución de toda a vida. No último informe do Instituto Juventud en España afírmase que o 10,6 % dos rapaces entre 15 e 29 anos xa consumiron prostitución. E os datos medran ano tras ano. En fin, ten a súa lóxica: España é líder en consumo de prostitución en Europa e o terceiro do mundo. Tristeiro podio que, curiosamente, non está na axenda política.

A clave, como ben explica o feminismo, ademais de nas sancións aos putañeiros (os que consumen prostitución, sen eles non habería esa oferta) pasa pola educación: temos que conseguir que os varóns saiban que moralmente non é aceptable que existan mulleres obrigadas a se prostituír. Que saiban que é algo que non se fai. Que iso non é «consumo sexual», senón violación a cambio de diñeiro. Que hai que rematar cos barrios vermellos. Que os cumpres celébranse doutra maneira. Sexas ti ou o cuarto na liña sucesoria á jefatura do Estado.