Construír un satélite do tamaño dunha lata de refresco: niso consiste o programa europeo no que participa o IES Leiras Pulpeiro de Lugo

Paula Álvarez García
PAULA ÁLVAREZ LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Os alumnos do IES Leiras Pulpeiro que participan no proxecto CanSat, coa súa coordinadora.
Os alumnos do IES Leiras Pulpeiro que participan no proxecto CanSat, coa súa coordinadora. Cedida

A iniciativa CanSat, promovida pola Axencia Espacial Europea, está deseñada para simular unha misión real de lanzamento dun satélite

17 abr 2024 . Actualizado a las 20:01 h.

Varios alumnos do IES Leiras Pulpeiro e doutros centros da provincia de Lugo teñen por diante un emocionante desafío. Como participantes do proxecto CanSat, teñen que construír e lanzar un satélite do tamaño dunha lata de refresco. Unha iniciativa promovida pola Axencia Espacial Europea que busca simular unha misión real de lanzamento dun satélite, incluído o seu deseño, desenvolvemento, posta a proba, lanzamento, funcionamento e análise de datos a través dun traballo en equipo.

No caso do IES Leiras Pulpeiro, é a primeira vez que participa no proxecto e faino con dous equipos: o grupo LASA e o grupo Tecno-Leiras. O primeiro está constituído por seis alumnos de primeiro de Bacharelato e o segundo por catro alumnos e alumnas de cuarto da ESO. Dende o centro explican que estes rapaces «desenvolven o proxecto no seu tempo libre, durante os recreos e as tardes no centro».  

Un CanSat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refresco. Neste sentido, o reto para os estudantes é integrar todos os elementos que conforman un satélite dentro deste espazo tan reducido. Ademais, segundo indican as bases do proxecto, todos os equipos deben cumprir dúas misións.

En canto á difusión, son os alumnos os que describen o seguimiento do proxecto a través dos canais de Instagram, Twitter, Youtube e Tiktok.  

dúas misións

A misión primaria céntrase no lanzamento do satélite. O CanSat ten que medir a temperatura do aire e a presión atmosférica e, ademais, debe transmitir os datos obtidos por telemetría á estación en terra polo menos unha vez por segundo. Sen esquecerse de que debe lograr unha aterraxe sen danos, analizar os datos obtidos e plasmalos en gráficas. 

A misión secundaria debe ser seleccionada polo propio equipo e consiste en darlle un propósito ao CanSat. Os equipos poden inspirarse en misións de satélites reais, recompilar datos científicos para un proxecto específico, facer unha demostración de tecnoloxía para un compoñente deseñado por estudantes ou calquera outra misión que caiba dentro deste satélite e mostre as súas capacidades.

EQUIPO LASA

Os integrantes do equipo Lasa
Os integrantes do equipo Lasa

Ademais da misión primaria que mide presión, temperatura e humidade, na misión secundaria engadiron un sensor de dióxido de carbono para medir a calidade do aire co obxectivo de concienciar á sociedade sobre o cambio climático, sendo este gas un dos seus principais responsables.

Este equipo conta con varios anunciantes da cidade. Están patrocinados por Arenal, librería Galicia, Gervima electricidad, librería Trama e Careven, Saneamentos Riga, José Luís Pardo e Deseño.

EQUIPO TECNO-LEIRAS

Os integrantes (falta un) do equipo Tecno-Leiras
Os integrantes (falta un) do equipo Tecno-Leiras

 Ademais da misión primaria que mide presión, temperatura e humidade, na misión secundaria engadiron un sensor de radiación UV, para chamar a atención sobre a importancia da protección solar e o dano que esta radiación pode causar na pel.

Pola súa parte, o equipo Tecno-Leiras ten como patrocinadores a Fraín, Telecomunicaciones Lucus, Bici Paixón e automóbiles Montouto. 

o lanzamento oficial

Na fase rexional da iniciativa participan un total de 22 centros galegos, que xa presentaron o seu proxecto na fase de prelanzamento. Agora os alumnos prepáranse para a xornada de lanzamento dos satélites, que terá lugar o 23 de abril no Aeródromo As Gaivotas, en Cerceda. Despois, o día 26, os alumnos defenderán os resultados dos proxectos tamén en Santiago de Compostela. 

Os equipos están formados por un máximo de seis alumnos e un docente que os coordina. A coordinadora dos equipos do IES Leiras Pulpeiro, Noemí Vázquez, explica que «son proxectos nos que non só se amplian os seus coñecementos nas áreas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), senón que lles permiten adquirir toda unha serie de habilidades que serán de gran proveito na súa carreira profesional».