Sete representacións para a nova temporada teatral de Monforte

La Voz

MONFORTE DE LEMOS

Un momento da estrea da peza «Que din as rumorosas», do grupo Maquinarias Teatro, que se ofrecerá en Monforte 0 7 de marzo
Un momento da estrea da peza «Que din as rumorosas», do grupo Maquinarias Teatro, que se ofrecerá en Monforte 0 7 de marzo I. VALERIO

As funcións ofreceranse entre o 25 deste mes e o 12 de maio no auditorio do edificio multiusos

04 abr 2024 . Actualizado a las 17:40 h.

Sete representacións conforman o ciclo teatral organizado polo Concello de Monforte para a nova temporada, que se estenderá desde este mes ata maio. Todas as funcións ofreceranse no auditorio do edificio multiusos a partir das 20.15 horas, coa excepción da última, que se dirixe ao público infantil e comenzará ás seis da tarde. As demais obras do ciclo diríxense ao público adulto.

En todas estas funcións —coa excepción da que se ofrecerá o 11 de abril— o prezo xeral da entrada será de 5 euros e reducirase a 3 para os nenos, estudantes, desempregados e xubilados. O alcalde José Tomé animou aos veciños a asistir a estas funcións que —segundo afirma— forman parte «da aposta decidida que este goberno municipal fai pola cultura, e neste caso, polo teatro galego». A continuación detállanse as datas de todas estas funcións teatrais.

25 de xaneiro. Na primeira xornada do ciclo, a compañía Producións Teatrais Excéntricas representará a obra O auto de Castromil.

22 de febreiro. O grupo Contraproducións porá en escena a peza Entrega en man.

7 de marzo. Para esta xornada está programada a representación da obra Que din as rumorosas, a cargo do grupo Maquinarias Teatro, que forma parte da produtora Artyc Contents.

21 de marzo. A peza Iphixenia na porta do súper será posta en escena polo grupo Compañía Humana.

11 de abril. O grupo de teatro da Universidade Laboral de Ourense representará a obra Soño dos vagalumes. Neste caso a entrada será gratuíta. A función, ao contrario das outras, non forma parte do ciclo da Rede de Teatros e Auditorios.

25 de abril. A compañía Volta e Dalle Teatro escenificará a peza Falar por falar.

12 de maio. A obra Palabras, dirixida ao público infantil e familiar, será representada pola compañía Baobab Teatro. Esta función ofrecerase a partir das 18.00 horas.