As revoltas irmandiñas protagonizarán un simposio no pazo de Tor

LEMOS

Responsables da rede museística provincial mostran no pazo de Tor o cartel anunciador das Xornadas Pacegas
Responsables da rede museística provincial mostran no pazo de Tor o cartel anunciador das Xornadas Pacegas CEDIDA

Entre o 6 e o 7 de maio celebrarase en Monforte a cuarta edición das Xornadas Pacegas que organiza a rede museística provincial

09 abr 2024 . Actualizado a las 19:38 h.

O museo do pazo de Tor, en Monforte, acollerá entre o 6 e o 7 de maio a cuarta edición das Xornadas Pacegas que organiza a rede museística da Deputación e que nesta ocasión estarán dedicadas ás revoltas irmandiñas. Os promotores sinalan que estas xornadas de divulgación resaltarán o papel histórico das rebelións populares de finais da Idade Media como «determinantes para o nacemento dos pazos como construcións que substituíron as torres e casas forte derrocadas, e polo tanto, do propio pazo de Tor e da configuración actual da fortaleza de San Paio de Narla». 

As xornadas, sinalan así mesmo desde a rede museística, enfocarán este período histórico desde diversas perspectivas. «Abordaranse as causas da destrución das fortalezas a mans da Irmandade, as torres e casas forte en tanto entidades de poder, a presenza feminina nos irmandiños, o papel xogado pola Igrexa ou a posición da nobreza galega tralas revoltas», explican a este respecto. « Ademais, para poñer en valor a recente recuperación para o patrimonio público dun cabaleiro xacente do século XV por parte da rede museística, haberá un monográfico sobre iconografía funeraria baixomedieval», engaden. As conferencias correrán a cargo de especialistas das universidades de Santiago e Vigo, e do Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

A primeira xornada, o 6 de maio, desenvolverase baixo o lema «Fortalezas, Irmandade, irmandiñas, Igrexa e nobreza». O programa comezará ás 16.30 horas cunha conferencia de Xosé Manuel Sánchez Sánchez sobre «Irmandiños, revoltas, castelos e ideas: atacando os edificios que amosan o poder». Ás 17.15, Francisco Javier Pérez Rodríguez falará sobre «A participación da Igrexa galega nas revoltas irmandiñas». A seguinte charla, ás 18.00 horas, correrá a cargo de Miguel García Fernández e tratará sobre «Dona Teresa de Zúñiga e as mulleres galegas ante a revolta irmandiña».

Seguidamente, ás 18.45, Pablo Otero Piñeyro Maseda falará sobre «A casa señorial en Galicia tralas revoltas». A primeira xornada pecharase cunha intervención de Simón Vicente López, a partir das 19.30, que versará sobre «A morte do cabaleiro de Tor e o seu bestiario».

O lema da segunda xornada será «Donas e cabaleiros ante a morte: iconografía dos sepulcros galegos na Baixa Idade Media». A partir das 16.30 horas, María Dolores Barral Rivadulla, falará sobre «A imaxe da mulleres na escultura funeraria medieval galega». A última charla do ciclo será ofrecida ás 17.15 horas por Marta Cendón Fernández e tratará sobre «Sepulcros de cabaleiros na Galicia baixomedieval».

As xornadas están abertas a todas as persoas interesadas. Para asistir é preciso apuntarse previamente a través do correoconcertacionsrmp@gmail.com. As inscricións poderán facerse desde este mércores ata o 4 de maio ou ben ata que se complete o aforo, que é de 45 persoas.