Estrea redonda para o bus das peñas do sur da Coruña a Balaídos 

M. V. F. VIGO

GRADA DE RÍO

CEDIDA

«Tivo que vir Pepa Loba para gañar marcando catro goles», bromea Abdón Santos 

23 abr 2024 . Actualizado a las 12:22 h.

O pasado sábado foi un día especial para todo o celtismo, pero a catro peñas do Celta saíulles especialmente redondo. Alvelo, de Barbanza; Sergio Álvarez o Gato, de Catoria; Pepa Loba, de Muros, e a peña de Noia, catro agrupacións do sur da provincia da Coruña, estreaban un desprazamento conxunto en autobús que tivo o premio de poder celebrar a vitoria máis cómoda da tempada -aínda que fose con remontada-: o 4-1 ao Las Palmas.

«Contábame Marco, de Pepa Loba, que desde o 2012 non viñan en autobús. Tivo que vir toda a plantilla de Pepa Loba para meter catro goles e gañar comodamente o partido», di Abdón Santos, da Peña Alvelo, que explica como organizaron a viaxe. «Nós tiñamos un bus posto polo Celta e tramitado pola Federación, que nolo pon o Celta gratis toda a tempada. Para que cho concedan, tes que ter un mínimo de abonos, así que nos xuntamos coa peña do Gato e como ultimamente eramos tanta xente no bus, xa tivemos que meter un segundo que non sempre se enche», precisa.

Así que a outro directivo da peña Alvelo, Antonio Lijó, ocorréuselle falar coas peñas de Noia e Muros por se lles interesaba sumarse a ese segundo bus e «ampliar a ruta», sinala Santos. «Sae un pouco máis cara, porque ese segundo bus pagámolo nós. Pero vale máis facer celtismo e ir cantos máis mellor a Balaídos aínda que saia máis caro. Dános igual, porque nunha peña trátase de facer celtismo, non negocio», subliña.

Gabriel Lago, da Peña Muradana Pepa Loba, valora que poder ir en bus en vez de en coches pariculares «é unha gran comodidade para todos e abre un abano para que se animen os máis cativos para vir todos xuntos a Balaídos». Lembra que ir a Vigo desde Muros sae por non menos de 50 euros entre gasolina, peaxe e rodaxe. «Agora, estamos traballando as catro peñas conxunxamente para que isto se prolongue no tempo e contribuír a seguir facendo celtismo no sur da provincia da Coruña», engade.

A estrea saíu a pedir de boca. «Funcionou moi ben. Ata agora, esas outras peñas ían pola súa conta, pero levaban sen vir en bus desde que estabamos en Segunda. Tiveron oportunidade de vir no bus a unha vitoria importante e abultada e seguramente lles apeteza volver», destaca Abdón. E tamén menciona que aínda que a idea foi da Peña Alvelo, as catro agrupacións colaboran e se coordinan para que todo vaia ben.

 

Santos pon o foco no agradecemento al Celta e á Federación e ansía que o ano que vén poidan conseguir ese segundo autobús a través deles. «É unha ruta curiosiña. Falamos de xente dos arredores e de meter máis parroquias», afonda. O que queren é «ser cantos máis mellor en Balaídos».