Emilio Castro, mestre de Ortigueira: «A Devesana foi unha escola moderna, unha aposta dos emigrantes pola educación laica»

ANA F. CUBA ORTIGUEIRA / LA VOZ

FERROL · Exclusivo suscriptores

Emilio Castro Fustes, nunha imaxe de arquivo no Museo Pedagóxico Galego, do que foi director ata xubilarse
Emilio Castro Fustes, nunha imaxe de arquivo no Museo Pedagóxico Galego, do que foi director ata xubilarse Álvaro Ballesteros

A ditadura de Primo de Rivera clausurou hai cen anos o centro fundado no 1912, que este mes repasa a súa historia con dúas conferencias

01 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A poboación mingua, pero Emilio Castro Fustes retorna a miúdo a Devesos (Ortigueira), onde pasou a infancia, «a verdadeira patria». Naceu en 1954 en Ferrol, fíxose mestre e acabou dirixindo o Museo Pedagóxico de Galicia, ata que se xubilou. Agora preside a Sociedade de Instrución e recreo A Devesana, que programa dúas citas este mes: o 6, ás sete da tarde, a inauguración da mostra Luces de Alén Mar, do Consello da Cultura Galega, e despois a conferencia «Luces de porvir para Devesos. O refulxir do escolar abafado pola intolerancia», de Vicente Peña Saavedra, profesor da Universidade de Santiago de Compostela; e o 27, á mesma hora, a conferencia de Narciso de Gabriel, profesor da Universidade da Coruña, «Os mestres mortos daquel verán: Rafael Fernández Casas».

—A escola inaugurouse en 1912.

—Si. Quedan poucos vestixios do que foi porque pasou por varios procesos de depuración. Un no ano 1924, cando a clausurou a ditadura de Primo de Rivera. Despois abriu brevemente na República, volveu outra ditadura e cerrouna Franco, pasou a ser un destacamento militar e logo cuartel da Garda Civil para perseguir aos fuxidos que había por aquelas montañas. Co marchamo de escola laica creada por emigrantes masóns e librepensadores... iso traduciuse en que se foi destruíndo a súa memoria. Case non hai documentación. O 19 de xullo do 36, ao día seguinte do golpe de Estado, cóntase que entraron de noite na escola e queimaron todo. Non hai nada, nin pupitres.

<span lang= gl >Fachada do edificio erixido en 1912, como escola e lugar de recreo, que hoxe é punto de encontro dos veciños desta e doutras parroquias</span>
Fachada do edificio erixido en 1912, como escola e lugar de recreo, que hoxe é punto de encontro dos veciños desta e doutras parroquias

—O edificio vese en bo estado.

—Ves un edificio importante, moi bonito, de dúas plantas, reconstruído no 2003 a través dun obradoiro da Xunta, e que desde 1992, cando a sociedade recuperou certo funcionamento, utilizamos as distintas directivas.

—Que actividades fan?

—Deportivas e de tipo social. Agora basicamente de tipo social, porque non hai xente nova. Xogos de mesa, campionatos de tute e dominó, cursos de cestería... cousas que poidan reunir aos poucos habitantes da parroquia e das parroquias aledañas. Tampouco quedan bares nesta Galicia rural, abandonada, e como hai unha pequena cafetería na planta baixa, cumpre esa función. Podes botar a partida ou tomar uns cafés cos veciños. Así dáselle un pouco de vida, e como foi unha escola laica, hai que mesturar algún acto cultural para honrar aos que a levantaron.

—E así xorden «As primaveras na Devesana»?

—Si, porque na primavera foi cando se produciu a apertura da escola, un 24 de marzo de 1912, e outro 24 de marzo foi cando se clausurou. A primavera en Devesos si que altera o sangue [risas]. Organizamos algunha conferencia para que os veciños que quedan e os máis novos saiban o que están pisando, un edificio levantado polos parroquianos que se foron a Cuba a finais do século XIX, principios do XX, cunha achega voluntaria e mínima, porque ningún deles era gran propietario, como ocorre noutros sitios. Aquí foi unha achega comunitaria, suficiente para construír un edificio nobre e contratar un colectivo de profesores de 1912 a 1924, e logo outra vez nos anos 30, e para dotalo dun material pedagóxico importante. Hai documentación histórica que fala da relación de libros de texto que había, porque tiñan que presentala na Coruña, e era unha escola moderna, avanzada.

—Unha escola laica!

—Veu á inauguración o director da escola laica da Coruña. A Devesana foi unha escola importante e queremos lembrala este ano con motivo dese mal fado de 1924. Ser escola laica é un dos motivos da súa desgraciada vida. Se non, posiblemente non a clausuraran no 24. Pero eles apostaron moito por iso, e esa aposta traduciuse en que a igrexa que está xustamente en fronte apostara por intentar clausurala.

—A que se refire?

—Primeiro enviaron un cura non moi guerrilleiro que convive cos indianos, pero logo, o Bispado de Mondoñedo envía un cura novo, moi ben formado, José Antonio Orjales, que viña de Ferrol. Eu creo que veu expresamente para intentar clausurala, poñer todo tipo de zancadillas á escola. E despois de varios intentos, no 20 hai unha denuncia por un baile nocturno (tamén era un centro de recreo). O cura denuncia no xulgado de Ortigueira que varias persoas acudiron á igrexa de noite e esnaquizaron cruces de madeira do exterior. Iso dá lugar a un auto xudicial que chega á Audiencia Provincial da Coruña.

—E iso como se resolveu?

—Non estaba moi ben fundamentado, e a escola, que en principio estaba multada con 500 pesetas, e o profesor, con 200, quedan libres de causa, non hai cargos. Pero coincide coa chegada de Primo de Rivera e si conseguen clausurala, e acabouse a historia da escola de Devesos, porque na República é un visto e non visto. Mandan orde aos inspectores da zona de que vixíen a ensinanza... a xerarquía eclesiásticas quere controlar a ensinanza.

—Que pasa nese momento?

—Desde o 31 coinciden as turbulencias da República coas estreiteces económicas dos que soportan a sociedade, os «cubanos». Nos anos 30 empézanse a queixar nas cartas de que non teñen cartos, os mestres reclaman soldos e suspéndense as clases uns meses. A economía dos que a sustentaban empeza a fallar.

—Que futuro ten a sociedade?

—O problema é que non vexo remuda. Nos actos ou nas asembleas miras á xente e todos son da miña xeración. Devesos foi unha parroquia de máis de 300 habitantes, e chegou a ter cen alumnos na escola nacional (non a laica). Fixen un traballo da memoria da escola, no arquivo de Ortigueira, e ía xente de Couzadoiro [...]. Gustaríame destacar o labor dos directivos, xente que se implica, o labor que fan polo rural, fronte ás institucións e ás Administracións, que se enchen a boca co rural e non facilitan nin axudan [...]. Aquí hai moito esforzo e dedicación, de tempo e recursos. Hai pouco fixeron unha foliada preciosa. Resúltame admirable... faise un labor nas aldeas que substitúe ao que debería facer outra xente, todo é complicado.

—Vostede insiste en recoñecer o traballo dos emigrantes.

Foi un labor tan digno que merece recoñecemento. Un emigrado a Europa, o normal era que fixera casa ou mellorara a vida da súa familia... Pero esta xente aposta pola educación, eles fóronse sen idea de nada e vían urxente que houbera un tipo de educación distinta. Que fan? Un edificio singular, e apostan por unha pedagoxía moderna (antes só se daba catecismo e devocionarios), con medios e materiais, algo que nunca máis se volve facer. E isto, de momento, non chegou ás aulas. É urxente introducilo como unidade didáctica. Varias xeracións formáronse grazas a iso e abriulles os ollos para que viaxaran e saíran polo mundo.