O Parlamento xa non ten quen lle cante panxoliñas

M.ª Carmen González Castro
M.ª C. González REDACCIÓN

ELECCIONES GALLEGAS 18F

Mini, na explotación de Dumbría na que se reuniu cos ganadeiros
Mini, na explotación de Dumbría na que se reuniu cos ganadeiros VÍTOR MEJUTO

Xosé Luís Rivas, Mini, cerra simbolicamente a lista do BNG pola Coruña tras dúas lexislaturas. Leva con orgullo o que loitou, pero lamenta a decepción dos que queren facer da actividade política un descrédito

14 feb 2024 . Actualizado a las 17:08 h.

A campaña electoral encara a recta final. Os actos multiplícanse e Xosé Luís Rivas, Mini, deputado do BNG xa de retirada —vai pechando de xeito simbólico a lista pola Coruña— mantén un encontro, xunto a Óscar Ínsua, número sete da candidatura nacionalista ao Parlamento, con gandeiros de Dumbría e Muxía.

Mini, voz grave e inconfundible e longa barba branca, coñece ben o campo galego. Popular pola súa faceta musical como membro de Fuxan os Ventos, primeiro, e de A Quenlla despois, foi mestre dunha unitaria durante 20 anos en Boimorto, antes de traballar nun colexio e ser alcalde dous meses, e escoita as queixas. «Moito falan do benestar animal, pero só pagan un céntimo máis no litro de leite por pastoreo», di Lorena Cives, dona dunha explotación de 114 cabezas entre leite e recría, o lugar escollido para a xuntanza. «Plántanse ilegalmente eucaliptos», apunta outro dos gandeiros e Mini recorda que o problema non se corrixe prohibindo, senón que hai que dar alternativas. «O millo custaba 8 euros, e chegou a estar a 16», engaden. O veterano deputado nacionalista teno claro: «Hai que poñer o país a producir para non depender dos de fóra e para evitar os lumes, que se propagan polo abandono das terras. E fai falla un lobby do vacún que defenda o sector galego, xa que case representa o 50 % da produción española, e para que se adapte a PAC a cada zona». Falan con paixón, as necesidades do campo son tantas que a conversa parece non ter fin: a falta de man de obra, a dureza do traballo que non permite ter días libres, as esixencias e controis aos que se somete a produción, a competencia e mala calidade do que vén de fóra...

Afirma o deputado nacionalista que, tras dúas lexislaturas no Hórreo, completou un ciclo, pero que se de algo está orgulloso do seu paso polo Parlamento de Galicia os últimos sete anos é «de ter loitado con todos os compañeiros do BNG e de axudar a construír a opción que é Ana Pontón: sorriso, amabilidade, profundo coñecemento do país e sobre todo talante negociador». Di que «desta debería ir» porque Mini ten as súas propias enquisas. «Cando imos repartir á feira, antes dicían: ''Non me deas''. E agora, sobre todo as mulleres, din: ''Trae para aquí, que esta muller vale''».

Polo lado negativo recoñece que o que máis lle doe tras sentar no escano sete anos é «a intencionalidade de facer da actividade política un descrédito porque cando se exerce ben é do máis nobre que hai, porque estás representando, pero sobre todo preocupándote dos problemas da xente».

Pie de foto. Firma

Se por algo o botarán os outros deputados de menos será polas panxoliñas. Todos os anos por Nadal, Mini felicitaba os seus compañeiros cantando dende o seu escano. «Son un namorado da relixiosidade deste país. E o Nadal é unha festa agraria, que ten que ver co solsticio, pero que o cristianismo interpreta cun neno de luz. Temos o acerbo musical de Nadal máis importante de toda Europa e moléstame que nesas datas se escoite música de fóra que non di nada e se agoche a nosa. Así que llo propuxen a Santalices e díxome que por suposto», di. Entende este detalle tamén como unha forma de dar cabida a un mínimo de cordialidade nun Parlamento no que hai «moita loita e moito enfrontamento».

Neste fin de etapa, recorda que entrou en política para devolver o que a el, que viña dunha familia humilde, se lle deu. Aínda que agora deixe o Parlamento, asegura que seguirá vinculado á política, pero dispoñendo do seu tempo. «A miña muller tamén reclama o seu espazo con razón, teño cousas que facer tamén a nivel musical e de folclore...».