Da ilusión tamén se vive

Sindo Villamayor

DEZA

25 feb 2024 . Actualizado a las 13:04 h.

É evidente que o que Galiza precisa para saír de onde tén que saír non a mesma receita que poidan ter o PP ou o PSOE ca nosa, a do BNG. Perdón, algún acredita que non tén que saír de ningures. Tamén é una evidencia que as maneiras que o BNG defende distan moito das que outros teñen pero en todo caso todas, absolutamente todas son lexítimas e dignas de respecto. Varias décadas participando en todo tipo de convocatorias electoráis fixeron que presenciase castes varias de actitudes inducidas ou cando menos consentidas polos peóns políticos de turno. Coma no conto do outro que vía arder as naves nos lindeiros de Orión, eu vin circular taxis e autobuses, coches particulares pagados con un tubos de formigón, ou a colocación dunha arqueta, carrexar centos e centos de votantes; vin tipos coma armarios tirar enriba da mesa electoral ducias e ducias de papeletas de algún partido político a xeito de humillación persoal cara a min entre argalladas dunha multitude de interventores e apoderados dese mesmo partido con cubatas nunha man e o Ducados na outra, arredor da mesa electoral colgados coma gorrións nos cables que levan á Fabrica da luz; botar chaveiros de Franco na miña carpeta do BNG…Pero fai décadas iso era o normal, como normal era que o cura me chamase a tención por ter no ultramariños da miña nai un calendario da UPG colgado no medio doutros de mulleres encoiras benditas, esas si, polo zoina de Curantes. Era normal. Cos nosos longos cabelos e as nosas barbas aínda presentes, ondeando aos aires da libertade, iamos difundindo as nosas ideas e participando en corpo e alma naquela democracia tan súa, e máis duna vez impedíronnos levar esa voz entusiasta aos viciños da Estrada. Alí recordo ao Rendo, Manolo Casais, Fina Pereira, Manolo Chao… aguantando todo tipo de insultos e ameazas. As cousas, repito, que algo cambiaron e daquela lama só queda algún difamador de taberna, xente sen puta vergoña que racha diante dos nosos ollos una amable propaganda electoral e que nos chama defensores de Sánchez (manda caralllo na Habana); o pobre homiño que nos arrinca os cartaces nas convocatorias electorais co sorriso disimulao dalgún concelleiro ou concelleira.

Os teleclubs ou casas da escola, locais sociais, centros de mulleres rurais, palco das festas, golpón de gando…convertéronse en sitios menos inhóspitos para esas tarefas sórdidas da democracia, ou tamén será que case non queda nin Cristo no noso rural entre finados e desertores do arado, ou quizá que sobrepasados os sesenta anos impoño algo máis de respecto á veciñanza antes tan estirada.

A min pouco me importa o que faga o PP ou o PSOE electoralmente, algo si, pero moi pouco. O que me ocupa e me preocupa é o BNG como forza que para una parte importante dos galegos, das comarcas máis dinámicas e poboadas de Galiza, pasou a ser aínda mais determinante. Como dicía Johan Cruyff, o importante non é chegar senón manterse, e para iso creo que debemos saber coller o vento axeitado que nos fai inchar as velas. E algo que creo vital e que se está consolidando en todo o país e que aquí, no noso concello, debemos afondar, a saber: a unidade de todos e todas os galeguistas cuxo centro de equilibrio é o mellor para A Estrada desde una perpectiva de esquerdas. Porque non fai tanto tiñamos catro ou cinco concelleiros, un SLG impagable e un tecido cultural patriótico dinámico e moi unido, lonxe de decepcionantes divisións e de certo autismo social. E una estructura organizativa tamén no rural, en cada lugar e en cada esquina (hai O Zeca!), en cada parroquia un amigo na idea común. Agora neste territorio comanche, nas súas extensas llanuras e montes violados, non temos nada, non fumos capaces de reconquistar a case ninguén porque nin se volveu falar con eles; porque por veces somos brutos nas palabras e nos feitos, irritados por tanto tempo de loita con tenues victorias electoráis pero cunha organización que temos que reconstruir de vagar e que xa quixeran outros. Empecemos por aí, por deixar de mirarnos de esguello e burla, tamén aos que teñen que volver a confiar en nós. Os outros non son nin pobres nin parvos e todos teñen que ser respectados. Eis por onde empezarmos.