Unha mostra para reivindicar as artistas galegas dos 80

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle dunha obra de Tusi Sandoval.
Detalle dunha obra de Tusi Sandoval.

O proxecto, que reúne unha ampla escolma de pezas de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré, inaugurarase no Gaiás o 28 de maio

09 may 2024 . Actualizado a las 23:11 h.

A mostra Outras historias posibles, que abrirá as súas portas na Cidade da Cultura o 28 de maio, reivindica o labor de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos oitenta e cuxa obra non gozou da merecida visibilidade debido aos condicionantes de xénero, subliñan fontes da Consellería de Cultura. O proxecto reúne unha ampla escolma de pezas de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré coa vontade de festexar o seu talento e contextualizar o seu traballo, atendendo tanto ás influencias do momento histórico coma aos feitos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Comisariada pola docente, investigadora e crítica de arte Susana Cendán, Outras historias posibles pon o foco nestas seis mulleres «pola relevancia de seu que ocuparon no seu día na arte contemporánea, pero tamén pola diversidade da súa obra e dos relatos que a acompañan». Son historias nas que os roles de xénero, as estruturas sociais e educativas ou as tendencias e modas que priman determinados tipos de produción artística sobre outros incidiron na visibilidade das súas traxectorias, ata o punto de abandonar a creación en favor doutras saídas profesionais, como foi o caso da viguesa Laura Terré.

O museo Gaiás acolle este proxecto co fin de sumar, a partir do seu exemplo, relatos que engadan novas perspectivas de valor para enriquecer a narrativa dominante dentro da historia da arte.

O espazo incluirá unha ampla mostra de pinturas, esculturas, xilografías, catálogos e revistas que permiten apreciar a traxectoria destas seis artistas, todas nacidas nos cincuenta. A escolma compleméntase con entrevistas gravadas nas que son elas mesmas as que dan conta das súas inquedanzas.