O documental dirixido por Emilio Fonseca «Salvaxe, salvaxe» gaña a competición galega do Play-Doc

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Fotograma do documental de Emilio Fonseca «Salvaxe, salvaxe».
Fotograma do documental de Emilio Fonseca «Salvaxe, salvaxe».

No apartado internacional, o galardón foi para «Os derradeiros días da humanidade», filme italiano realizado por Enrico Ghezzi e Alessandro Gagliardo

07 may 2024 . Actualizado a las 23:17 h.

A 20.ª edición do Festival Internacional de Cine de Tui, Play-Doc, xa ten palmarés, que outorgou, na sección competitiva de Galicia -cun xurado integrado polo historiador e crítico cinematográfico José Manuel Sande; o director executivo de Porto/Post/Doc, o portugués Sérgio Gomes; e a responsable do departamento de educación e acción cultural do Museo do Pobo Galego, Ana Estévez Lavandeira-, o seu premio a Salvaxe, salvaxe, filme documental de Emilio Fonseca pola «súa capacidad de suxerencia, a través dunha abordaxe inmersiva cun inesquecible deseño sonoro, onde o telúrico, o poético, o antropológico e o político converxen con fluidez, ofrecendo unha película que reflexiona sobre un dos motivos centrais do noso tempo e revisa o concepto de salvaxe».

Na competición internacional, o galardón foi para Os derradeiros días da humanidade [Gli ultimi giorni dell'umanità], filme dirixido por Enrico Ghezzi e Alessandro Gagliardo. O xurado -composto pola realizadora austríaca Ruth Beckermann, a directora estadounidense Bette Gordon e o editor francés Benjamin Mirguet- distinguiu a cinta italiana «entre unha programación que, en certo modo, é unha homenaxe a Godard e a súa xeración de cineastas» e tamén «por ser unha obra que vai alén da autobiografía e o cine caseiro convidándonos a coñecernos a nós mesmos a través do cine». O xurado tamén concedeu unha mención especial a Onde están todos os meus amantes? [Où son tous mes amants?] do realizador galo Jean-Claude Rousseau.