Peteiro, o artista que navegou entre a cor, a vangarda e a fantasía

Alejandro García Chouciño
A. G. CHOUCIÑO A CORUÑA

CULTURA

Case cen obras amosan o selo único do pintor nunha mostra na Coruña

24 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Da muralla de Lugo ao monte Louro. Do Empire State Building de Estados Unidos á súa máis que recoñecida silueta da cidade herculina. Adentrarse no universo de Jorge Peteiro (A Coruña, 1959-Sada, 2013) é viaxar a un mundo de fantasía, cor e vangarda. «Atopámonos ante unha exposición onde se pode apreciar ese estilo tan persoal que o levou a museos, coleccións, prestixiosas institucións, fundacións e, sobre todo, centos de casas», sostivo Pedro Vasco Conde, comisario xunto con Beatriz García Trillo, artista e viúva do pintor e escultor, da mostra Peteiro.

A selección de 94 pezas foi inaugurada este martes a tarde no Kiosco Alfonso polos dous comisarios e pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey. «Peteiro foi e será referente na vangarda galega, mais tamén un coruñés profundamente identificado coa súa cidade, sendo fonte de inspiración que retratou ao longo das súas obras», resaltou a rexedora.

As obras reunidas nesta exposición son esenciais para entrar no coñecemento do seu pensamento e sentimento artístico. A través delas, a persoa que visite o recinto poderá facer un percorrido pola súa etapa máis recoñecible. «Grazas, Beatriz, por exercer esa bonita pero difícil tarefa de revivir momentos e recordos con quen, ademais de compartir unha vida persoal, compartiches proxectos, arte e profesión», sinalou Rey.

«Fun e son a compañeira de Jorge», comezou García Trillo ao inicio da súa intervención. «Nada lle gustaría máis que vervos aquí. Esta exposición é un deleite dos sentidos, onde Jorge foi creando o seu mundo. Con cor en cada pincelada. Tamén dicía que non hai lugar con máis matices que Galicia», foi avanzando Beatriz. «El cría na maxia, cría nela porque a tiña. Xa desde os seus primeiros traballos notábase o seu sentido do humor e a súa fantasía, o seu sentido lúdico da vida», engade no discurso que forma parte do catálogo oficial da mostra.

Un referente na arte galega

«As paisaxes son a parte máis importante da súa produción e unha fonte de inspiración e motivación en si mesma. Servíronlle para reinterpretar a súa contorna e para traducir o que ve cos seus códigos, símbolos e signos», explicou Vasco Conde. A alcaldesa, pola súa banda, lembrouno como un artista libre que soubo impoñerse no mercado da arte sen deixar o seu exercicio artístico. «Compartía o seu lado máis bohemio con artistas coetáneos coma Xaime Cabanas ou Correa Corredoira, que xunto co seu talento levaron A Coruña a posicionarse como referente da arte de vangarda en Galicia», afirmou Rey.

O percorrido polo seu legado artístico é unha oportunidade única para apreciar a relevancia deste pintor contemporáneo. «A esencia das súas obras e o seu impacto visual radican na luz e na cor. A súa paleta está graduada e expresada na súa máxima potencia expresiva. A luz e a cor son tratados como planos complementarios que se fusionan para desenvolver unha atmosfera que mestura a luz mediterránea e a galega ou atlántica», reflexiona o comisario sobre a importancia deste artista. A mostra pode visitarse de forma gratuíta ata o vindeiro 21 de xullo. «Estamos ante un artista que marchou demasiado cedo, pero pese a todo deixounos algo tan coruñés como era a que el chamaba “alegría de vivir”» explicou a alcaldesa, e convidou a toda a cidade a visitar a exposición, especialmente ás novas xeracións.

En total, a mostra contou coa colaboración de 21 institucións públicas, entidades privadas ou persoas individuais. Destacan a Deputación da Coruña, o Muncyt a través do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e Abanca, xunto co Concello da Coruña. Tamén a familia e amizades de Jorge Peteiro. «Hai que facer unha mención especial a Fina, súa nai, a que sempre lle dou pulo para seguir», expresou Beatriz nos agradecementos.