Ondas hertzianas

CULTURA

Exposición de radios antigas, en Salceda, nunha foto de arquivo.
Exposición de radios antigas, en Salceda, nunha foto de arquivo. Óscar Vázquez

13 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A miña afección pola radio e o seu mundo vén dende que era ben cativo. Lembro como me gustaban aqueles vellos radiocomandos que despois pasaron a ser walkie-talkies. Aqueles primeiros aparellos portátiles de grandes dimensións eran aparatosos e tiñan unhas antenas telescópicas inmensas. Eran moi pouco discretos pero impresionaban moito e ata semellaba máxico poder falar a distancia. Tamén naqueles comezos dos 80 o seu uso estaba relacionado de xeito directo cunha elite economicamente podente, cun sistema de comunicación puntual ou con xente vinculada ao mundo da electrónica. Eu estaba entre estes últimos, e aínda que o primeiro radiocomando que tiven foi un agasallo familiar mercado nunha coñecida tenda de electrónica da Coruña axiña me puxen a construír a miña primeira emisora fixa, feita por partes e da que me sentía moi orgulloso. Con ela fixen boas comunicacións e incluso amizades.

Tamén deseñei, construín e instalei a miña propia antena que, na terraza da casa dos meus pais no barrio da Agra do Orzán, estaba nun lugar privilexiado pola súa altura e cobertura en comunicacións a longa distancia, incluso internacionais. Moi agradecido lle estou aos veciños pola boa paciencia que tiveron comigo naquelas noites de intercomunicacións e de ruídos hertzianos.

Nos 90 comezaron a comercializarse novas emisoras máis sofisticadas e efectivas e todo ese mundo comezou a saturarse e tamén a desvirtuarse gradualmente. Eu funo abandonando mais sempre tiven ese formigo da comunicación a través das ondas e aínda conservo varios aparellos daqueles que prendo eventualmente para evitar o seu enferruxamento e deterioro total. Co tempo sinto nostalxia daqueles bos momentos vividos pero son etapas que xa pasaron e que no meu caso lembro con agarimo.

Dende mediados dos 90 seguín facendo radio pero doutro xeito co que tamén desfruto contribuíndo a divulgar a música que me gusta. Fíxeno en diferentes emisoras ben coñecidas e dende hai máis de 20 anos fágoo en Radio Voz Galicia nos meus programas Un mundo de músicas e Músicas de raíz, onde procuro ofrecer o mellor que eu coñezo das músicas tradicionais, folk e relacionadas. Así que a radio continúa e no meu caso con ilusión.