Xacarandaina volverá a Dumbría a través do programa «Danza 3»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

CONCHI PAZ

Xunta e Colectivo XOC renovaron por 12.º ano este circuíto de música e baile tradicional que chegará a 18 concellos galegos 

12 abr 2024 . Actualizado a las 18:26 h.

26 de xullo • Semella aínda unha data que queda lonxe, pero en canto pasen as primeiras calores desta primavera, sen darnos conta, andaremos xa por San Xoán e, de aí, ao pleno verán. O 26 de xullo volverá a Dumbría a agrupación Xacarandaina, e farao a través do programa Danza 3, do que este venres se presentou unha nova edición de mans da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e do Colectivo XOC, integrado polas formacións Xacarandaina (A Coruña), O Fiadeiro (Vigo) e Cantigas e Agarimos (Santiago). Por 12.º ano consecutivo, Danza 3 difundirá a música e o baile tradicional de Galicia e farao por 18 concellos da comunidade, arrancando mañá mesmo en Vedra. Ata o mes de setembro seguirán as actuacións, na súa meirande parte ao aire libre, para compartir coa cidadanía unha mostra do repertorio das tres agrupacións.

Con motivo da renovación deste circuíto, o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu a Patricia Miño e Santiago Pardo por parte de Xacarandaina; a Raquel Barredo por parte de O Fiadeiro, e a María Montero e Antía Antelo, de Cantigas e Agarimos: «A través desta colaboración, a Xunta recoñece o labor cotiá deste colectivo a prol da investigación, recuperación, formación e difusión deste patrimonio inmaterial».

A XIRA

O Fiadeiro: este domingo 14, ás 15.00 horas, no campo da festa de Vedra; o domingo 28 de abril en Melide, o 17 de maio en Ribadavia, o 4 de agosto en Vilanova de Arousa e o 11 de agosto en A Agolada. Tamén irán a Verín, nunha data aínda por confirmar. 

Cantigas e Agarimos: o 16 de maio en Cangas, o 17 en Oroso, o 19 en Boqueixón, o 14 de xullo en Marín, o 1 de setembro en O Valadouro e o 16 tamén deste mes, no Carballiño. 

BASILIO BELLO

Xacarandaina: o 28 de abril en Ortigueira, o 11 de maio en Abegondo, o 31 en Betanzos, o 26 de xullo en Dumbría, o 14 de agosto en Ribadeo e o 25 deste mes mes en Meira