Alana lanza disco, «O xeito á cántigha»: «Buscabamos algo moi concreto, queriamos ser melódicos»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Pablo, Antía e Eloy, este xoves en Radio Voz Bergantiños
Pablo, Antía e Eloy, este xoves en Radio Voz Bergantiños ANA GARCÍA

De Corme, Vimianzo e Oleiros. De aí son Eloy, Pablo e Antía: este sábado, no Studio Follow da Coruña, presentan este seu primeiro traballo discográfico. Será máis que un concerto. Nesta entrevista, os detalles

03 may 2024 . Actualizado a las 01:54 h.

Foi este un xoves para falar de música en Radio Voz Bergantiños e tamén para seguir axendando citas de cara á fin de semana. Este sábado 4 de maio tocará viaxar á Coruña, da man de Eloy Vidal, de Corme; Pablo Castro, de Vimianzo; e Antía Vázquez, que é de Oleiros, pero xa moito da Costa da Morte. Eloy, Pablo e Antía son o trío Alana. Este sábado, con apertura de portas ás 20.30, no Studio Follow da Coruña, presentarán dun xeito moi especial o seu primeiro disco, O xeito á cántigha. Dese disco e desa presentación nunha cidade que para eles é «casa», pois alí naceu o proxecto Alana, falaron os tres:

—Alana, proxecto recente, pero aí está xa un Premio Xuventude Crea neste pasado 2023. Foi un bo xeito de iniciar carreira?

—[Eloy]: Levar un premio sempre abre portas. A partir de aí foi a máis. Fóronnos chamando de máis sitios, e partir de aí tamén nos decidimos a arriscar e facer unha presentación do noso proxecto, que acaba de empezar, pero que decidimos facer nós, cos nosos medios. Iso é o que queremos facer este sábado.

—«O xeito á cántigha» é ese primeiro disco. E este título?

—[Antía]: Vén dunha conersa que escoitamos nunhas gravacións de Dorothé Schubart, etnomusicóloga. Nelas, unha señora de Cerceda explicáballe un pouco como había que facer para cantar a muiñeira e a xota. «Pero como é?», preguntaba Dorothé. E ela dicía: «A muiñeira é a muiñeira, e a jota e jota. Así, para darlle o xeito á cántigha». Gustounos tanto, e facía tanta referencia ao feito de ir recoller polas aldeas... Non é só ir buscar melodías, senón tratar coa xente, ver que pasa, como vivían, que facían... Todo iso é o que crea a música, a tradición. Era un pouco unir esa música e o que pasa detrás dela para darlle sentido.

—Alana pretende ser harmonía. Harmonía na mestura de ritmos contemporáneos pop con melodías tradicionais, recollidas desa xente maior. Unha revisión da tradición con respecto, pero con liberdade.

—[Pablo]. Si. Ao final queriamos esa esencia única, buscabamos algo moi concreto e tiñamos claro que queriamos ser melódicos. Recordar eses ritmos de moitos anos atrás, esquecendo un pouco de baixo, bombo, e centrarse máis en estilos tipo Berrogüeto ou Radio Cos, referentes para nós. Unha vía que creo que se reflicte ben no disco.

—Que datas manexamos?

—[Eloy]: Ás 00.00 deste 3 de maio estará xa subido a Spotify O xeito á cántigha, e irá acompañado dun vídeoclip que se estreará tamén ao longo desta xornada, seguramente pola tarde. Fisicamente, poderá mercarse xa na estrea, este sábado 4.

—Non será só concerto. Terán teloneiro, Unto Vello, e tamén disyóquei de peche, Señora DJ.

—[Antía]. Unto Vello son dous amigos que querían empezar un proxecto, e parecíanos especial que comezasen este evento con nós. Un deles mesmo nos acompaña no noso proxecto, ao final é algo familiar. Buscabamos unha primeira presentación especial, non ao uso. Señora DJ, fantástica, pechará a festa. Agardámolo moi divertido.

—Na parte central, vós, pero non sós, con colaboracións. Quen estará no Studio Follow?

—[Pablo]. En realidade non lles chamamos colaboracións porque ao final son amigos que apostaron por nós dende o principio. Virán, por exemplo, Lina e Lola, pandeireteiras do sur de Galicia, adoramos o que fan. Tamén Pedro García, Ismael García e Andrés Boutureira, todos traen algo bonito. Estamos moi orgullosos. Como dicía agora mesmo Antía, o que pretendiamos era algo familiar, máis bonito de lembrar se cabe.

«Puxémoslle ilusión e traballo. Ao final compensa!»

O horizonte máis próximo de Alana estará este sábado no Studio Follow, mais logo virá xa o verán, e semella que non lles faltarán escenarios.

—Podemos avanzar algunha sorpresa? Pezas que nunca soasen en directo, por exemplo. E algo clave: onde hai entradas?

—[Eloy]. Importante, si. Entradas, as últimas. Estamos moi contentas porque foi bastante ben a venda. As que quedaban [este xoves], en entradium.com, buscando Alana ou o título do disco, e quedará algunha para o propio sábado, en billeteira, a 15 euros. Sobre as sorpresas, moitas, pezas que nunca soaran en directo, como Dolores Castiñeira, e outra que preferimos non desvelar. É algo para quen acuda.

—Como de complexo, ou de doado, foi ese proceso de gravación do disco? Onde se fixo?

—[Antía] Na casa de Eloy! El é técnico de son, ese proceso de gravación fíxoo el, e a masterización veu de Manolo Dourado, a quen lle debemos todo pola súa paciencia. O tema de gravar un disco... diría que é difícil, por largo, intenso, polas horas, polas moitas dúbidas porque ao final sempre queres crear algo que guste e co que esteas a gusto. Puxémoslle moita ilusión e traballo. Compensa!

ANA GARCÍA

—E logo do Studio Follow que? Como se presenta este verán?

—[Antía]. Non nos podemos queixar, pero non podemos dicir nada polo momento, témolo prohibidísimo!

—[Eloy]. Só unha data que si podemos anunciar, e que será o 31 de agosto nas Torres do Allo, en Zas, en horario de sesión vermú. Polo demais...

—[Pablo]. Hai cousas chulas.

—[Eloy]. Tres citas en maio.

—Pola Costa da Morte?

—[Eloy]. Polo norte e polo sur. A Zas non iremos só unha vez, de feito... [rin].