Diego Rey, director da nova obra de Talía: «Quixemos quitarlle o tabú ao sexo»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Boiro e Vimianzo serán as primeiras paradas de «DeseXo», en plena estrea. Como fío, a reflexión sobre a falta de información que teñen os mozos á hora de aprender sobre sexualidade: «O porno é un produto horrible, pero o único que hai»

24 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha xornada ben singular, o Día do Libro, falouse onte en Radio Voz de literatura e de teatro. Falouse de Talía, compañía moi ligada á Costa da Morte, que anda cunha estrea entre mans: DeseXo. A primeira representación, proba de fogo, será o venres 3 de maio na Casa da Cultura Ramón Martínez López de Boiro, ás 21.00 horas. A segunda, ao día seguinte, sábado, na Casa da Cultura de Vimianzo: 20.30, con entradas á venda en woutick.es. Falou de DeseXo Diego Rey (Moaña, 1982), responsable da dramaturxia e dirección da peza:

—Andarán cos últimos retoques.

—Si, estamos agora no tramo final de ensaios, sobre todo con cuestións máis técnicas vinculadas a música, á escenografía, á luz... Ben, estamos contentos.

—É un espectáculo que xorde a raíz dunha investigación sobre o emprego da pornografía por parte dos adolescentes, desacertada vía de aprendizaxe para unha sexualidade saudable.

—Esta era unha inquedanza que tiñamos na compañía dende hai tempo, mais agora temos nela nais e pais. Os anos pasan, empezamos a ter descendencia, e foi isto o que nos volveu levar a este tema, parece, tan difícil. Ensinarlle estas cuestións, o mal formados que estamos nós... Como é unha cuestión delicada e realmente viamos necesario facer un proceso de investigación, contactamos cunha sexóloga, Bárbara Penas, que estivo sempre ao carón de espectáculo. Logo decidimos ir máis alá incluso, e facer un concepto de foro-teatro en diversos institutos. Serviunos para entender cal é a realidade da adolescencia hoxe en día. E foi sorprendente, unha actitude marabillosa. Temos tendencia a sinalar aos adolescentes, pero só son persoas cunha carencia de información grande. O porno non deixa de ser un mal substitutivo, é un produto horrible, pero é o único que hai. Non hai talleres formativos de verdade, unha información útil para esta época da súa vida. De aí vén todo.

—Din na sinopse que vivimos na sociedade máis sexualizada da historia, pero o sexo aínda segue sendo tabú. Que se fai mal?

—Vou falar por min. Eu son herdeiro da educación que recibín, e no meu caso, e noutros que na compañía ou no arredor vimos moito, segue sendo un tema tabú. O sexo está por todos lados, na música, na publicidade, nas redes, pero é algo do que non se fala. Hai agora unha proposta no Parlamento para prohibir o acceso da adolescencia á pornografía, e paréceme ben, porque non debería ser a vía de formación, pero non se está debatendo realmente como debe a ser a formación sexual dos adolescentes. Mirar para outro lado nunca será a solución correcta. Que pasa se a unha persoa que cumpre 18 anos lle damos un coche sen ensinarlle a conducilo? Que pasa se nunca viron como se conduce, como é, e o único que viron son películas do estilo de Fast & Furious? O resultado sería nefasto.

—No escenario, Dani Trillo e Marta Ríos. Que personaxes traen?

—Un conxunto deles. Ao estar facendo unha radiografía da sociedade con respecto a este tema, facemos un conxunto de sketchs. Temos un pai e unha nai que pensan en que facer coa súa filla, á que lle acaban de descubrir no móbil que viu pornografía, temos unha primeira cita, temos dous elementos que van ligar a unha discoteca, temos tópicos e estereotipos da pornografía... Poñemos en relación primeiros contactos coa sexualidade da xente en función da formación recibida, e con casos de historias reais.

—Presentaron «DeseXo» como xoguete cómico. Tratan un asunto moi serio, pero dende o humor.

—Para non crear rexeitamento. En DeseXo interésanos sobre todo o sector adolescente, así que non queremos que se sinta como algo negativo, senón como unha parte dun proceso vital no que temos que ser conscientes das eivas que ten a sociedade neste ámbito. A idea tampouco é sentar cátedra, senón promover reflexión. Se é un tema tabú, quixemos quitarlle ese tabú, igual que fai outra xente noutros ámbitos.

—Que público agardan?

—A proposta inicial do espectáculo era dirixilo á adolescencia, pero logo quixemos facelo recoñecible, a partir dos 13/14 anos en adiante, para toda persoa que estea interesada no tema ou que simplemente queira pasalo ben!

—Boiro e Vimianzo, primeiras citas.

—Si, e sendo Marta Ríos de Boiro, moi interesante para nós esa relación. A Costa da Morte igual, por suposto, Talía é unha compañía radicada en Cee. Toda esa zona, Vimianzo, Cee, Fisterra... Hai que manter raíces, saber de onde vés.

—Vostede é mestre da Escola de Teatro de Vimianzo.

—Talía leva dando clases alí antes de que eu empezase, e eu debo levar dez anos. O vínculo é anterior, porque tamén está Toño Casais. No meu caso, no grupo infantil e xuvenil, e Toño, no de adultos.

—Hai nada obtiña Talía sete premios María Casares por «Unha inimiga do pobo», cunha fisterrá, Marta Lado, como mellor actriz.

—Estamos máis que contentos! Era un texto ao que lle tiñamos moitas ganas e que tivese esta repercusión... Que che vou contar!

Para saber máis...

O teatro-foro A pornografía na adolescencia é un proxecto subvencionado pola Deputación da Coruña a través da convocatoria Proxectos Sigulares. A obra DeseXo é un espectáculo subvencionado pola Agadic (Xunta de Galicia) a través da convocatoria á Creación Escénica do ano 2023.