A estrela

Natalia Lema Otero

CARBALLO

ANA GARCÍA

26 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nadal non é un tempo de alegría para todos. Hai quen non ten motivos para celebrar nada. Xente enferma ou coidadora. Familias que perderon os seus ou un cento de posibilidades que calquera pode sufrir na debacle da vida. Como dicía Edgar Allan Poe, a desgraza avanza multiforme por onde menos o pensamos.

Eu apelo sempre ao Nadal austero. Diferenciado dun día cotiá pero sen vicios excelsos ou innecesarios. A esencia destas datas non está en ter moitísimas luces ou compartir os ágapes máis prezados. Coido que o formidable é compartir a ledicia das festas cos nosos, rememorando que Xesucristo naceu nun pesebre, na pobreza máis absoluta.

Acordémonos, xa que estamos, daqueles que habitan as estrelas e un día compartiron con nós a mesa. Escoitemos nas nosas cabezas a súa voz, dándolle vida nas memorias, aínda que sexa por derradeira vez. Habita por ende a nostalxia en nós estes días, e é normal. Non a reprimamos, deixémoslle a maior cabida posible, entre as costelas e o esternón, nas entrañas mesmas.

Xoguemos co imaxinario de ser nenos e non teñamos sentimentos escuros que só nos afectan a nós mesmos, tales como o odio ou a xenreira. Se temos algo no noso poder, deámosllo a quen o precisa, dende o silencio do anonimato, porque a caridade nunca se debeu converter nun acto público. Riámonos das pequenas cousas, unha canción de panxoliña ou unha postal por correos. Por último, nunca teñamos cobiza da alegría allea, un día ha de chegar a nosa propia.

Un alegato algo idílico que oxalá encamiñe os nosos mellores desexos para o ventureiro ano 2024 que nos agarda. Felices festas, lectores.