Negociar cos fillos

Natalia Lema Otero

CARBALLO

13 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Lía estes días no medio dixital que un pai negocia ca filla ter móbil. Parece unha cuestión case infantil, pero non o é. Eu tiven este dispositivo aos trece anos. Era un Nokia vermello de tapa, unha tecnoloxía bastante obsoleta incluso para aquela época.

Coido que nas últimas décadas todo o mundo quere saber sobre o arte de criar fillos. Nunca tantas guías lemos nin páxinas seguimos sobre o tema. Parece que intentamos que os fillos veñan cun manual de instrucións ao uso, da a á z. Os nenos saen como saen, teñen condutas e comportamentos imprevisibles e de iso se trata ser pais. Amoldarse ás pedras do camiño, sufrir os devires da crianza e facelo o mellor posible.

Non hai idades preestablecidas, procesos predeterminados, os nenos non son alimentos precociñados.

Que ninguén che diga nunca como criar un fillo. Se queres negociar un contrato ca túa filla faino. Se llo dás sen máis tamén é lícito. O único que ten que facer un pai ou nai é darlle as ferramentas adecuadas. Amalos e dotalos de recursos para cando precisen algo. Que se teñen un problema poidan estender a man e contalo. Verbalizalo. As redes, internet en xeral, son unha xanela visceral fabulosa, para o bo e máis para o malo. As nosas crianzas teñen que ser conscientes diso.

Para o demais non hai folla de ruta. Unicamente se prevé unha singradura con altos e baixos. Con días mellores e outros que tamén han de ser peores. Eu non teño fillos, pero vexo moitos. Idealizar a maternidade é un dos grandes erros que cometeu a Humanidade. Como din os vellos, os nenos traen alegrías pero tamén traen traballos. Así foi nos seus tempos, así seguramente será nos meus e moi posiblemente nos que seguirán.