«Pascoa»

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

MARCOS CREO

02 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

É o nome co que os nosos veciños portugueses denominan á Semana Santa, un concepto que acolle moitas ideas baixo o seu manto. Nos tempos que corren, asóciana moitas persoas con días de vacacións e tamén unha festa de interese turístico que atrae a visitantes.

Pero a raíz da festa e das súas compoñentes hai que buscala en acontecementos de índole cristiá. A orixe cristiá de Portugal e España fan deste rito un momento concreto nas crenzas dunha boa parte da sociedade, que levan tantos anos desenvolvéndose que encerran unha fonda tradición, moitos rituais, unha parafernalia que ornamenta actos multitudinarios que atraen a mirada da maior parte da poboación, incluso estranxeiros.

Pódese non ser cristiá practicante, ou mesmo ateo, pero a cerimonia que envolve estas celebracións contén unha enciclopedia patrimonial, parte material —a da vestimenta, dos pasos, dos complementos...— e outra gran parte inmaterial: procedementos, pautas, secuencias, coñecemento, oficios, e moitos máis elementos que, para algúns, considéranse un acto patrimonial vinculado coas nosas orixes e costumes. Hai quen fuxe deles, por asocialos cunha relixión que non pasa polos mellores momentos de popularidade, por pensar que «se veneran bonecos» (cando as tallas son normalmente obras de arte, moitas delas de artistas consagrados).

Pódese ser crente, agnóstico ou ateo, pero o cerimonial da Semana Santa xa é considerado patrimonio cultural —material e inmaterial—, porque a cultura é o conxunto de modos de vida e costumes, coñecementos e grao de desenvolvemento artístico dunha época ou grupo social.