Silencio, por favor

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Dibujo del arquitecto Antonio Palacios.
Dibujo del arquitecto Antonio Palacios.

26 dic 2023 . Actualizado a las 11:20 h.

Amiña conferencia no congreso de patrimonio de Málaga chamábase La cultura, en silencio, porque entendo que o balbordo non axuda á reflexión necesaria para gozar dos bens culturais, sexa pintura, sexa arquitectura ou sexa calquera arte que para entendela necesitemos interiorizala e facela nosa.

Pasear por un camposanto é un exercicio cultural que se encadra nela. Non é preciso que sexa unha obra de arte, que as hai. Sobra dicir que camposantos da Costa da Morte ou das Rías Baixas son museos ao aire libre —tamén hai algún cuberto, como o de Dumbría­­­—, nos que se poden ver expresións artísticas de distintos niveis. Non quero dar nomes para non enchelos de curiosos, porque o balbordo faríalles perder ese atractivo. Por iso, cando se fala de turismo de cemiterios hai que ser moi prudentes, porque os turistas son ruidosos, e moitas veces non precisamos as explicacións de ninguén para meternos no papel investigador e descubridor de cousas que podemos atopar.

Ese concepto de silencio, moitas veces, non é que non haxa ninguén. Achar a alguén comunicándose cos seus familiares finados, intercambiar sensacións e reflexións cos nativos pódenos dar moitas claves e poden ser o complemento ideal para a visita cultural. Non quero esquecer reivindicar a protección que merecen algúns complexos de moi alto interese arquitectónico funerario, moitas veces descoñecido ou esquecido, como os neogóticos construídos pola saga dos Carboeira da Terra Cha, verdadeiras xoias do noso patrimonio, que merecen recoñecemento e protección, tamén axuda para a conservación.