Un acercamento á parte tanxible da morte

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

Erica Couto-Ferreira é autora de «Corpos. As outras vidas do cadáver», que acaban de reeditar

09 ene 2024 . Actualizado a las 14:27 h.

Foi unha nova que Erica Couto-Ferreira (Pazos de Borbén, 1979) recoñece que recibiu «con sorpresa e ledicia». A fin de contas, Corpos. As outras vidas do cadáver foi publicado orixinalmente en castelán no 2017 e «estaba esgotado cando Kalandraka manifestou a súa intención de recuperalo e de vertelo ao galego, mentres que a editora Cuatro Lunas apostou por sacalo en castelán», apunta ao respecto.

Doutora en Historia Antiga e máster en Asirioloxía, Erica Couto-Ferreira conduce, xunto a Irma Pérez, Borja González e José Luis Forte, o podcast Vaya barullo en Innsmouth, que está especializado en literatura de terror realizado, mentres que con José Luis Forte leva tamén o titulado Todo tranquilo en Dunwich, dedicado neste caso á literatura fantástica. Ademais, colaborou con Año Cero ou Muy Historia, entre outras publicacións. Non cabe dúbida de que o influxo do mestre H. P. Lovecraft está moi presente na súa traxectoria artística, na que está patente o seu amor pola historia, pero tamén polo fantástico, a ciencia ficción o terror e, de feito, neste xénero encádrase a súa máis recente novela, Hemetia (2022).

Previamente, escribiu tamén Infestación. Una historia cultural de las casas encantadas (2021), co que sería finalista nos Premios Ignotus na categoría de ensaio, e Infierno. El más allá en la Mesopotamia Antigua (2020), así como, claro está, Cuerpos. Las otras vidas del cadáver (2017), que acaba de ser reeditado con «algúns cambios formais».

Deste xeito, explica que se eliminaron «as notas a pé de páxina para conseguir que a lectura resultara máis fluída e engadíronse algúns parágrafos para comentar métodos de conservación e procesamento do cadáver, como a crioxenización ou a necroescultura, que non estaban presentes na edición do libro de 2017. Polo demais, o libro mantén a estrutura e os contidos da edición orixinal», engade ao respecto asumindo que «resulta moi complicado conseguir que un libro sobreviva no mercado editorial máis alá dos seus primeiros meses de vida, xa que o fluxo constante de novidades adoitan impoñerse nos anaqueis das librarías».

Erica Couto-Ferreiro define Corpos como «un ensaio no que, a través de historias pequenas que parecen anecdóticas, trato de achegarme á cuestión da morte e tamén á súa parte máis física e tanxible, que é o cadáver. Corpos toma a forma dun percorrido por distintos aspectos da materialidade cadavérica, que atinxe desde a diversidade nos costumes funerarios practicados por distintas realidades culturais ata os experimentos decimonónicos para preservar cadáveres ou a tarefa dos verdugos na produción de cadáveres exemplares, social e politicamente significativos». E todo iso, sen esquecer outro dos obxectivos: «Entreter, sorprender e mesmo divertir».

Por iso, ten claro que a obra «quere animar a que se pense e se fale da experiencia da morte desde a curiosidade e non desde o medo, o noxo ou o rexeitamento».

Neste punto, non comparte ao cen por cen iso de que «nacer é empezar a morrer», pois considera que «nacer marca máis ben o inicio dun proceso de comprensión e aceptación da finitude da vida. Penso que ver o nacemento como o principio dun camiño que leva directo á morte réstalle ao vivir parte do seu sentido. Xa sabemos o final da historia, así que por que non centrarnos no nó do conto?», sinala a pontevedresa incidindo no feito de que a súa obra «amosa bastantes casos de existencias que continúan máis aló da morte, así que se podería dicir que o pasamento inaugura unha nova fase da vida».

En todo caso, amósase convencida de que «a morte e o tratamento do defunto é un espello da sociedade dos vivos». Isto é, «o ambiente físico, as circunstancias materiais, os poderes que gobernan e os principios e valores que

artellan a sociedade, por exemplo, determinan as idiosincrasias colectivas vitais, pero tamén mortais, así que cada xeito de encarar o finamento é produto desas condicións materiais e culturais. Tampouco hai que esquecer que os mortos seguen a formar parte da comunidade e da familia, son membros de pleno dereito que a miúdo continúan a ensinar e a formar ás xeracións seguintes a través do seu legado. Polo tanto, os defuntos tamén forman parte do tecido social».

Vampiros e outros monstros

E neste trasfondo onde quedan os monstros? Foi a creación duns seres ficticios unha forma de intentar dar resposta a mortes que non se podían explicar? A este respecto, Erica Couto-Ferreiro apunta que, «aínda que monstros e espectros serviron, en moitos casos, para dar sentido a fenómenos que en aparencia non tiñan explicación, considero que a xénese desas criaturas, coma os vampiros dos que falo no libro, xorden con independencia de crimes específicos. Dende o meu punto de vista, ideas como a que afirma que o cadáver garda dentro de si muxicas de vida nacen como interpretacións do fenómeno da morte e da tanatomorfose. A morte é capaz de converter un ser humano vivo e expresivo nunha vaíña de carne que, por moito que sexa igual á súa versión animada, se amosa inmóbil e como durmida. Non respira nin responde nin interactúa segundo as formas que nos eran coñecidas. Iso produce unha sensación de estrañeza máxima e creo que é aí, dese baldío intermedio entre dúas categorías ben definidas —o animado e o inanimado, neste caso—, onde nacen os nosos monstros».