Remata o ano de don Paco, pero a súa Galaxia escintila

LOURENZÁ

Francisco Fernández del Riego fue la persoa homenajeada en el Días das Letras Galegas 2023.  Premio Fernández Latorre en el año 1994 y colaborador de La Voz de Galicia, fue una de las figuras centrales del galleguismo progresista y clave de la resistencia en el exilio interior durante el franquismo. 17/05/2023
Francisco Fernández del Riego fue la persoa homenajeada en el Días das Letras Galegas 2023.  Premio Fernández Latorre en el año 1994 y colaborador de La Voz de Galicia, fue una de las figuras centrales del galleguismo progresista y clave de la resistencia en el exilio interior durante el franquismo. 17/05/2023 GUSTAVO RIVAS

Este venres Lourenzá celebra un dos últimos actos en homenaxe ao autor do Día das Letras, «ministro de Exteriores do Galeguismo»

01 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, venres, celébrase en Lourenzá un dos últimos actos deste ano arredor da figura de Francisco Fernández del Riego, unha achega á súa relación con América, como home ponte que soubo salvar a inmensidade atlántica cando non había internet, nin as comunicacións eran inmediatas. O Consello da Cultura e o Concello de Lourenzá apostan por esta súa faceta, unha das moitas que descubrimos ao longo deste ano dedicado á súa figura, a de tecer redes entre o galeguismo de aquén e alén mar.

O Ministro de Exteriores do Galeguismo, así era coñecido Del Riego entre a súa xeración, pois dende os anos corenta asumira a tarefa de coordinar proxectos cos exiliados e tamén coa comunidade emigrada. O Centro Galego de Buenos Aires designouno correspondente e, como tal, axudou a Seoane na exposición de arte galega que montou en 1951 na capital; xestionou a pensión vitalicia que recibían Gala Murguía de Castro e Ramón Cabanillas; mercou as flores que se depositaron na tumba do poeta cambadés o día do seu enterro; entregou os cartos do premio ao mellor estudante da USC, que financiaba a emigración; tramitou o diñeiro para a adquisición da casa de Rosalía e, posteriormente, as subvencións ao Padroado, entre outras moitas encomendas. Isaac Díaz Pardo afirmou que «Paco del Riego tivo unha virtude sobre os demais escritores: o contacto co exilio», que se sostivo en boa medida pola súa grande amizade con Seoane, fraguada no mostrador da Editorial Nós e mais nos cafés composteláns, e que nin un océano puido arrefriar.

Sen dúbida, tivo que ser emocionante para el e a súa muller, Evelina, cruzar o Atlántico en 1954, era a primeira vez que viaxaban en avión, pero resultou tan traumática que regresaron en barco. De seguro as turbulencias pagaron a pena cando xa en terra puideron abrazar as amizades, aínda que xa era tarde para darlle unha aperta a Castelao, que falecera catro anos antes. Con todo, puideron consolar a Virxinia Pereira, quen de seguro lle agradeceu o xesto de enviar terra galega para enterrar o seu home, como desexaba. Aínda houbo tempo para ir a Montevideo e, ao seu regreso a Vigo, recibírono cun gran xantar, algo que sentou moi mal ás autoridades franquistas e, como represalia, poucos meses despois prendérono polas colaboracións que realizaba na prensa americana.

TEIMOSÍA E LEALDADE

A súa teimosía e a lealdade ás súas ideas permitiron que ata nos momentos máis duros da ditadura non renunciase á dignificación da lingua e da cultura de noso. Non escatimou esforzos en liderar proxectos como a Editorial Galaxia, a Fundación Penzol ou en crear efemérides de tanto éxito como o Día das Letras Galegas. Sempre foi unha persoa de equipo, ao igual que cando xogaba de extremo esquerdo ao fútbol, e buscou accionistas e subscritores, pero tamén escritores novos co mesmo entusiasmo que alentou ao seu fraternal amigo Cunqueiro a que volvese a escribir en galego.

Durante este ano insistimos na idea de que foi un arquitecto, un home que deseñou parte da casa que habitamos, ao tempo que cimentou os seus alicerces. Nos últimos tempos, Del Riego sentía que só transcendera del a imaxe dun home traballador que implementaba as ideas doutros, nada máis lonxe da realidade. De seguro este Día das Letras Galegas serviu para poñer en valor oito décadas dedicadas a executar a súa idea de Galicia, pois non houbo proxecto galeguista onde non participase de maneira activa.

Ao final da súa vida sentíase satisfeito co seu labor: «Sempre me mantiven no camiño recto, sen desviarme». Recordo aquela última tarde, era 26 de novembro, e como cada venres dende había tres anos pasabamos o día xuntos. Unha das cousas que máis lle gustaba era que lle lese, pois os seus ollos gacios xa non eran quen de facelo máis alá dos titulares, esa era a súa gran tristura. Comeu pouco, pero aínda prendeu o seu xaruto, coma un acto case cerimonial, despois pediu deitarse un anaco, algo insólito nel, pois durante a súa vida sempre lle roubou horas a Morfeo, así explicaba a multitude de tarefas que levou a cabo. Aos poucos minutos de soltarlle a man, don Paco emprendeu unha viaxe á eternidade, alí estará por sempre, formando parte desa Alba de Gloria que describiu Castelao, como guieiro nunha Galaxia de xente boa e xenerosa que escintila trece anos despois e farao por sempre.