James Rhodes: «Se Serrat, Sabina ou Leiva queren colaborar comigo, aquí estou»

Javier González Sobrado
javier g. sobrado REDACCIÓN

AL SOL

.

O instrumentista británico actúa esta noite na semana clásica das festas coruñesas

18 ago 2021 . Actualizado a las 23:43 h.

Hoxe o pianista e tamén escritor James Rhodes estará na praza María Pita da Coruña (22.00 horas, entrada libre con invitación) para ofrecer un concerto da súa xira, a James Rhodes Tour 2021, no seo da semana clásica das festas da cidade. O instrumentista británico, nacionalizado español desde o mes de decembro do pasado 2020, sempre mostrou un cariño especial por Galicia en xeral e por Vigo en particular. Volve demostralo nesta entrevista, que dispuxo por escrito. Pese a ser contestada en castelán —pedindo desculpas polos posibles erros cometidos, «obviamente sigo aprendendo el idioma»— incluía unha curiosa indicación feita en galego: «Prégolle que traduza as miñas respostas ao galego e non só que as imprima en castelán. Por favor. De feito, aínda mellor se publicas só en galego». O seu desexo vese aquí reflectido.

—Como se fan chegar o clasicismo e o romanticismo á xente que normalmente só escoita o tipo de música que sae nas radios xeralistas?

—Non subestimando a esa xente. A música clásica non é high art. Só é música, algo polo que todos podemos estar unidos. Segundo a miña experiencia, a xente que habita o mundo da música clásica ten moitos máis prexuízos que a xente que non o habita. As redes sociais axudan, Spotify é unha gran ferramenta, os principais medios de comunicación e os festivais de música tamén xogan un papel importante. Sempre vou agradecer a Buenafuente, Risto e Évole que me permitiran interpretar a Chopin en prime time.

—Que lle din os compañeiros de profesión máis metidos no mundo da música douta sobre este asunto?

—Que este tipo de música sempre é mellor cun público adecuado. Que eu son un músico terrible e perigoso que non debía actuar. Boa xente, non?

—Ten en mente saír algún día dese rexistro? Tocar algún xénero popular?

—Dubídoo moito. Aínda que, se Serrat, Joaquín Sabina, Robe Iniesta, Leiva ou Love of Lesbian queren colaborar, aquí estou. Dígoo en serio.

—Amais de escritor, vostede é unha persoa con conciencia política. Non pensou, algún día e fóra da clásica, escribir cancións neste sentido?

—Non me gusta a palabra política neste contexto. Non podemos simplemente dicir conciencia? No fondo, todos sabemos o que está ben e o que está mal no mundo. O día que eu sinta a necesidade de escribir unha canción para explicar que a xenofobia ou a violación ou a violencia de xénero son accións malas, será o día en que renuncie á raza humana.

—Que tal lle foi ao seu libro «Made in Spain»? Está contento co resultado?

—Tiven algunhas respostas encantadoras. Estou orgulloso dese libro. Editeino en castelán, e realmente é unha carta de amor a España e unha profunda expresión de gratitude cara ao voso país. Para min é un libro moi importante.

—Como vai a adaptación ao cine de «Instrumental»? Está traballando no proxecto dalgún xeito?

—Estamos co reparto agora mesmo. O director está aí e o guión tamén. Todos estamos a escarvar un pouco, tentando facer que os tempos funcionen dados os últimos 18 meses e todas as dificultades que ten traballar nesta situación. Realmente non estou involucrado máis aló da música. Creo que é mellor para min evitar certas cousas e concentrarme noutras máis humildes para que todo saia ben. O proceso de produción da película faise un pouco abafante para min.

«Teño unha foto enorme que fixen do mar de Vigo impresa e enmarcada na miña parede»

Amais dunha forte relación con España, Rhodes exhibe nas súas redes sociais e aparicións públicas un expreso amor por Galicia, terra que coñeceu a través do seu amigo Tamar Novas.

—Que é o primeiro que recorda de Galicia? Como chegou a coñecela?

—Tamar Novas. O primeiro amigo que tiven ó chegar a España. Enseguida souben que Galicia ten unha especie de maxia. E logo o polbo. Sei que é un clixé, pero non vou mentir. E tamén a cantidade de palabras que hai para dicir choiva. É impresionante. Estou namoradísimo de Galicia.

—Son, dalgún modo, diferentes os concertos en Galicia?

—Non. Os concertos son concertos. A música, as historias, a calidade etérea da mesma é a mesma, sexa na Coruña, Bilbao ou Barcelona. Pero mentiría se dixese que non sinto unha calidez particularmente conmovedora por parte do público galego. Desde o primeiro boas noites síntome coma na casa.

—Vigo ou A Coruña?

—Vigo. Síntoo. Demandádeme. Teño tantos bos recordos de Vigo... Teño unha foto enorme que fixen alí do mar, impresa e enmarcada na miña parede.

—Que pode esperar do seu concerto do día 19 a xente que teña a dúbida entre ir ou non ir?

—Un pouco de música épica. Unha oportunidade para desconectar durante 80 minutos e non ser bombardeado por anuncios, redes sociais e noticias. Unha pequena xanela para se sentaren, pechar os ollos e escapar, mentres escoitan a música máis inmortal endexamais composta.