K

Juan L. Blanco Valdés BÁGOAS DE CROCODILO

CULTURA

-

29 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

As fotos, antigas, devolven a imaxe dun mozo delgado, elegantemente vestido, de ollada serena, profunda, cun semisorriso que compón un rostro agradable, atractivo, a fronte ampla, de fisionomía inconfundiblemente hebrea. As fotos son sempre dun home novo. Non podería ser doutro xeito pois expirou con 41 anos, dun mal que hoxe se cura con catro fármacos. Malia un indefinible trazo de melancolía nos seus retratos, as súas amizades e as amantes testemuñaron que era un espírito sensible, si, pero dotado dun chispeante e fino sentido do humor e un carácter expansivo e accesible que xeraba inmediatos afectos. Un dos tópicos máis coñecidos da literatura contemporánea é que fixo prometer a un seu íntimo amigo, constituído no seu administrador literario, que botaría ao lixo toda a súa obra inédita. Traizoando o seu desexo, este amigo deu ao prelo algunhas das obras máis aclamadas da literatura de todos os tempos. É curioso que este antiescritor, cuxa última vontade foi desaparecer da memoria futura, estea canonizado en Google con case vinte millóns de coincidencias. Ou que, como apuntaba hai días neste xornal Héctor J. Porto, o escritor autorizara en vida apenas 350 páxinas dos 3.400 folios que deixou inéditos.

É adoito transmutarmos o carácter dunha obra literaria á natureza do seu autor. Semella existir unha relación lóxica entre os tormentos existenciais de Maupassant ou Poe e os horrores de O Horla ou O pozo e o péndulo. Lin A metamorfose con vinte anos e tiven pesadelos frecuentes nas semanas seguintes, imaxinando que, como Samsa, tamén eu amencía co torso endurecido pola queratina dos escaravellos. A letra K, inicial do protagonista de O castelo, é o motivo gráfico dun dos mellores deseños de cuberta da edición española: o de Daniel Gil para Alianza, en 1971. O texto da contracapa, como resumo, describe «un mundo exterior que, pese a ser reconocible, es objeto de una mutación que lo transforma cualitativamente: una secuencia de acontecimientos incomprensible para quien la padece, pero que esconde la inoperancia de la voluntad y el entendimiento para comprender ese medio hostil y doblegarlo». Impecable. O 3 de xuño fará cen anos da morte de Kakfa, a quen eu debía esta homenaxe. E outras moitas impagables débedas.